Modificación da RPT da Consellería do Medio Rural co obxecto de crear as Unidades de Investigación de Incendios Forestais (UIFO)

Na reunión celebrada o día 23 de xullo de 2021 a administración expuxo a creación das 3 prazas que terán dependencia da DX de Defensa do Monte. O resto das 12 prazas terán unha dependencia funcional desta dirección xeral e localización física nos distritos e preténdese adxudícalas “a dedo”. Desta maneira queren eliminar mandos intermedios e din que será máis doado realizar os protocolos e accións conxuntas en toda Galiza. A CIG oponse rotundamente a este procedemento de provisión aínda que apoiamos as brigadas investigación.

Así na CIG denunciamos que estas prazas son insuficientes, e incumpren o que prometera o presidente Feijoo na medida 26 presentada ao Parlamento de Galiza logo da vaga lumes do ano 2017, onde falaba da creación destes equipos formados por un mínimo de 57 axentes.

O PLADIGA 2019 tamén indicaba a creación destas unidades cun mínimo de 23+8 axentes en todo Galiza e como a medida de Feijoo, non se cumpriu.

Entendemos que se deben crear prazas novas como se comprometeran e mostramos o noso total rexeitamento a amortización de 5 prazas (curiosamente todos elas con incidencia directa na prevención e extinción de incendios) e a modificación de 12 prazas ocupadas de axentes adicados á extinción.

Sobre os criterios de selección de axentes

Pedimos que se eliminen todos aqueles criterios de adxudicación que non se poida demostrar que todos/as os/as axentes forestais tiveron opcións para conseguilos.

Insistimos da necesidade de negociar ditos criterios e incluílos no regulamento de funcións, tal como o plasmou a consellería nos acordos asinados o 15 de setembro de 2016 e o 11 de outubro de 2018.
 

A provisión das prazas

Propoñen como forma de provisión das prazas o concurso específico para os coordinadores 1 e 2, e de libre designación para o posto de coordinador autonómico, polo que mostramos o noso rexeitamento. Deben ser por concurso ordinario (con mérito esixible).

Para o resto dos axentes que vaian formar parte das UIFO din que enviarán unha circular aos distritos para que se poidan apuntar todos os funcionarios e funcionarias de carreira que estean interesados. E tamén que van modificar 12 prazas para consignalas como UIFO e que dita modificación da RPT non se vai poder realizar ata setembro-outubro (aínda non se negociou).

Anuncio de creación das UIFO

Tras o anuncio da creación as UIFO o luns día 9 de agosto por parte do conselleiro do Medio Rural, dende CIG recordamos que non estamos en contra da creación destas unidades, pero esiximos explicacións de como se realizou a selección do persoal para as UIFO e a revisión do expediente.

Sorprende que sen modificar a RPT, sen prazas ás que adscribir ao persoal, sen garantir os principios de publicidade, mérito e capacidade para a provisión destes postos e se atrevan a escoller a compañeiros e compañeiras en apenas uns días e en pleno agosto.

Cheira a emprego de medios públicos con interese partidista e esperemos que non usen aos axentes e logo deixen esmorecer as UIFO como fixeron coas brigadas de investigación de incendios forestais pola falta de medios persoais e materiais e pola deriva dos expedientes aos corpos e forzas de seguridade do estado.

Dende a CIG defenderemos que se garanta a legalidade na modificación da RPT e na provisión dos postos na que todo o mundo se poda presentar as prazas, con criterios de selección obxectivos. E seguiremos vixiantes para que o proceso sexa público e transparente.