RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.
Podes consultar a publicación no DOG 12.08.2021

Fanse públicas as listas provisionais para o desempeño transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario dos corpos e escalas que se relacionan co anexo I desta resolución, así como para o desempeño de postos reservados a persoal laboral dos grupos e categorías que figuran no anexo II da mesma.

As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo).

Nestas listas saen as persoas solicitantes que están admitidas nelas, con indicación da puntuación provisional resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006; tamén saen as persoas solicitantes que non foron admitidas constando a causa de exclusión.

O prazo para presentar reclamacións será de 10 días hábiles, a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no DOG.

Xunto ás reclamacións achegarase, de ser o caso:

- Documentación precisa para emendar a causa de exclusión
- Certificado de servizos prestados na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, no mesmo grupo, categoría, corpo ou escala, nos termos previstos nos artigos 9.b) e 9.bis.a.1 do Decreto 37/2006, segundo o modelo que figura como anexo III desta resolución.
A certificación se servizos prestados será expedida polas unidades seguintes:
- Servizos centrais: Secretario/a xeral técnico/a, subdirector/a xeral ou xefes/as de servizo que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral técnica da consellería respectiva ou do ente público instrumental onde estea a prestar servizos ou onde os prestou por última vez.
- Servizos periféricos: Xefes/as territoriais ou funcionario/a responsable da área de persoal dos departamentos territoriais, directores/as provinciais ou delegados/as comarcais da consellería ou do ente público instrumental onde preste servizos ou onde os prestou por última vez.
- Servizos en concellos ou en mancomunidadesde municipios da Comunidade Autónoma de Galicia a mesma categoría, categorías análogas ou asimilables ás categorías adscritas aos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: a certificación axustarase ao modelo que figura como anexo IV da presente resolución e deberá ser asinada polo/a secretario/a do concello.
- Servizos prestados nas demais entidades públicas instrumentais do sector público autonómico na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables ás categorías adscritas aos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia: a certificación axustarase ao modelo que figura como anexo V da presente resolución e deberá ser asinada polo/a órgano da entidade equivalente ao/á secretario/a xeral técnico/a con competencia en materia de persoal.

A partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, tanto as persoas solicitantes provisionalmente admitidas como as provisionalmente excluídas poderán presentar solicitude de suspensión de chamamentos de conformidade co establecido no artigo 15.2 do Decreto 37/2006, utilizando o modelo que está disponible no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, punto de <Listas de contratación>.

Nestas listas NON SE INCLÚEN , porque xa foron obxecto de publicación as listas definitivas, as listas para contratación temporal de persoal laboral dos grupos:

Grupo I, categorías 2 (médico/a e outras), 6 (titulado superior psicólogo/a) e 11(titulado/a superior pedagogo/a).
Grupo II, categorías 2(ATS e outras), 6 (educador/a e outras), 11 (fisioterapeuta), 17 (asistente social) e20 (terapeuta ocupacional).
Grupo III, categoría 50 (técnico especialista en xardín de infancia)
Grupo IV, categoría (auxiliar de clínica e outras)