Atención ás persoas e familias en risco de desafiuzamento

No ano 2017 a Consellaría de Política Social coa axuda do Fondo Social Europeo iniciou o programa “Reconduce”, coa finalidade de coordinar os servizos destinados á atención das persoas e familias en risco ou situación de desafiuzamento da súa vivenda habitual, co obxectivo de reducir a súa vulnerabilidade económica e/ou social.

Baixo a modalidade contractual de obra ou servizo determinado incorporáronse 14 persoas para o desenvolvemento deste programa. Estes contratos de traballo tiveron unha duración inicial de 3 anos e unha prórroga dun ano que remata o vindeiro 9 de outubro.

A resposta ás necesidades de vivenda da poboación galega non é unha situación que se poida resolver cun programa puntual; unha mínima pincelada con fondos europeos non é a solución para un problema tan profundo e tan sensible como é o desafiuzamento da vivenda pola imposibilidade de facer fronte aos pagos das rendas de alugamento ou ás cargas hipotecarias.

A solución ten que partir dun servizo estruturado e permanente que execute as políticas de protección da sociedade galega diante da perda da súa vivenda.

Polo tanto, a CIG esixe que as accións desenvolvidas polo plan "Reconduce" sexan incorporadas de cheo ás competencias da Consellaría de Política Social e, para elo, urxe a modificación da súa RPT coa creación dos postos de traballo na súa estrutura e así ofrecer unha resposta a unha situación que, aínda que non queiramos, agrávase cada día máis.