A Xunta de Galiza incumpre o que dispón a normativa europea, trasposta á do Estado Español, ao non actualizar ao Risco III a avaliación de riscos dos centros residenciais (de maiores, menores, discapacitados, etc.), centros de día e escolas infantís da Consellaría de Política Social

Ante a pasividade da Xunta de Galiza de aplicar medidas preventivas axeitadas que protexan as persoas traballadoras e usuarias, a CIG tivo que recorrer ao xulgado despois de que a Administración desoíse os requirimentos da Inspección de Traballo e Seguridade Social. En Sentenza do TSXG ( CCO CONFLITOS COLECTIVOS 0000007/2021), o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o servizo de prevención alleo, MUGATRA CUALTIS, foron condenados a facilitar as máscaras FFP2 e a modificar a avaliación de riscos, respectivamente, tanto en centros de maiores como de escolas infantís.

As persoas usuarias de centros de maiores e menores, ou ben non usan máscaras, ou ben non as usan en todos os momentos da xornada, momentos estes nos que tampouco se pode gardar a distancia de seguridade (aseos, dar de xantar, etc.)

Despois de observar como as vagas de contaxios prendían nos centros residenciais de Política Social, a pesar de estar vacinado tanto o persoal como as persoas usuarias, por exemplo, no caso do CAPD de Redondela, 50 persoas usuarias -4 delas ingresadas e 1 falecida- e 21 traballadoras/es, é fácil concluír que non se están adoptando as medidas preventivas axeitadas.

A Xunta é tan irresponsable que recorre unha Sentenza en materia de prevención de riscos laborais cando se está a comprobar que non se cumpren as medidas de protección da saúde que esixe Inspección de Traballo, non se adecuaron protocolos e avaliacións de risco ao nivel de Risco III e non se lles proporcionou aos cadros de persoal as máscaras FFP2 de protección respiratoria.

Cando xa se fala dunha terceira dose das vacinas, e mentres sufrimos unha quinta vaga de contaxios nos nosos centros, a Xunta, nunha conduta temeraria, non só mira para outro lado na aplicación das medidas preventivas senón que desobedece ou recorre as que lle instan a aplicar tanto a autoridade laboral como a xudicial.