O Servizo de Gardacostas presume moito nos últimos meses de inaugurar novas lanchas e drons aéreos e mariños, pero non se ocupa do mesmo xeito de salvagardar a saúde dos axentes ao seu cargo nin de que podan desempeñar o traballo sen riscos e con dignidade

Esta situación dase dende que o 17 de marzo de 2021 na base de Ribeira tomaron posesión como interinas varias persoas. Despois de agardar un tempo prudencial e de insistir que era necesario dotar de roupa de traballo a este persoal, chamáronos para tomar medidas e facilitáronlles un cortaventos, un xersei e uns zapatos. Aí quedou todo o esforzo xa que dende ese momento non recibiron nada máis, polo que carecen das prendas fundamentais para desenvolver o seu traballo: traxe de augas, botas de auga, pantalóns, etc...Estas persoas están embarcando case todas as semanas, levantando nasas e aparellos, subindo a bateas, levantando elementos pesados sen botas de seguridade, e estarían empapados a diario senón levaran da casa a súa propia roupa. 

Estamos a mediados de setembro, vai case medio ano e a situación segue igual.

Dende a CIG Autonómica queremos denunciar publicamente a irresponsabilidade por parte do Servizo de Gardacostas e da Consellería do Mar ao non cumprir cos mínimos de prevención de riscos co seu persoal e instámolos a que de inmediato o doten da roupa de traballo necesaria para realizar o seu traballo con seguridade.