Bombeiros e bombeiras forestais do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta de Galicia (SPIF) mobilizáronse ao longo desta semana en varias concentracións diante das xefaturas territoriais de Ourense e Lugo, e da consellaría de Medio Rural en San Caetano, para denunciar a gravísima precariedade laboral e inseguridade xurídica que están a padecer.

Destas concentracións, que foron convocadas polos comités de empresa de Medio Rural, destacamos unha alta participación de traballadoras e traballadores a pesar das dificultades horarias e de xestión ao atoparse espallados por toda Galiza. Asi o martes 21 comezamos a loita mais de 300 compañeiros e compañeiras diante da xefatura territorial de Ourense, continuamos cunha alta participación sindical o mércores 22 diante do edificio administrativo de Lugo e rematouse cunha contentración moi activa diante de San Caetano do persoal que se trasladou dende as provincias de Pontevedra e A Coruña. Está claro que as mobilizacións van continuar xa que ningún cargo da consellería do medio rural quixo negociar a mellora das condicións de traballo destes empregados/as públicos. 

Nestas mobilización denunciouse a precariedade do persoal fixo descontinuo, o próximo cese temporal de actividade do persoal de 6 meses ou a sobrecarga que supón a non cobertura de vacantes, incapacidades temporais, permisos ou licenzas. Esta reducción de efectivos para loitar contra o lume e realizar tarefas preventivas prexudica a operatividade do servizo público amais de por en risco e seguridade e saúde do persoal.

A todo isto sumase que o persoal non poida moverse tal e coma establece o V Convenio Colectivo coa incertidume do remate das adscricións temporais e superiores categorías. Tamén se reclama un proceso de consolidación/estabilización que remate coa elevada temporalidade que xa é superior ao 70%. 

A CIG Autonómica impulsará e apoiará novas mobilizacións para seguir a loitar na defensa dos dereitos dos bombeiros e bombeiras forestais da Galiza.