Así o comunicou hoxe a directora xeral ao representante da CIG na mutualidade

A directora xeral de MUFACE, comunicou hoxe ao representante da CIG no Consello Xeral da mutualidade a rectificación na decisión do peche da oficina compostelá. A acción sindical diante do conflito realizada pola CIG logra, a través de mobilizacións e comunicacións, salvar o peche da oficina de MUFACE na capital galega.

A partir do 30 de setembro MUFACE centralizaría o servizo provincial de A Coruña na oficina desta cidade sen ter en conta o grave prexuízo que causaría ás comarcas que fan uso do servizo prestado dende fai moitos anos na oficina compostelá, sendo o colectivo de xubilados un dos máis afectados.

A CIG congratúlase da decisión adoptada pola Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís e da importancia das mobilizacións e decide desconvocar a concentración que tiña lugar hoxe ás once horas diante de oficina situada no baixo do número 23 da Avenida Rosalía de Castro de Compostela. A directora xeral de MUFACE informou da rectificación e solicitou a cancelación da mobilización, adiantando que se confirmará oficialmente o non peche da oficina na reunión de mañá do Consello Xeral de MUFACE.

Pendente da confirmación despois da reunión do Consello Xeral de MUFACE de mañá compróbase que a acción sindical diante do conflito e as mobilizacións serven.