A Xunta quere financiar as escolas infantís privadas de 0 a 3 anos en vez de crear novas escolas públicas


A CIG esixe a consolidación e fortalecemento dunha rede pública 100% para a educación infantil.

Feijoo, no canto de potenciar a rede pública de escolas infantís, tanto as dependentes directamente da Consellería de Política Social (Axencia) como as do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, anuncia que van conseguir a gratuidade da educación infantil a golpe de talonario, pagándolle ás escolas infantís privadas e desfornecendo os servizos públicos.

Para acceder ao Bono Concilia (axuda, segundo renda, para as escolas infantís privadas) era requisito que solicitases e non obtiveses praza nunha da rede pública. Nos últimos tempos, os segundos fillos non pagan a escola infantil tanto pública como privada, sen requisito previo de ter que solicitar primeiro a praza no sistema público.

Agora estamos ante a aposta da Xunta de Galiza polo ensino concertado xa dende a raíz: dende os 0 a 3 anos. A fórmula dun neoliberal é desprenderse da xestión pública das escolas e apostar por financiar á privada, ben con bonos escolares ben con subvencións, ben concertando servizos.

A necesidade de crear novas escolas infantís e novas unidades en moitas das existentes é algo que levamos anos pedindo dende hai moito tempo. A rede pública necesita incrementar o seu número de centros ata cubrir o 100% da poboación e do territorio, xa que é a única que garante un servizo de calidade e que chega a todo o territorio e non só ás grandes vilas e cidades.

Tal como se presenta este asunto para a empresa privada, vai DOMUSVI adicarse tamén ao sector da infancia?