A Xunta convoca a reunión da Comisión Negociadora do I Plan de igualdade para o vindeiro xoves 17 de novembro

Non era sen tempo que a Xunta retomase a negociación do seu I Plan de igualdade para o persoal da Administración Xeral. Tras case un ano de parálise absoluta por parte da Administración que nin convocou nin fixo propostas. 

A intensa  e incansable presión exercida pola CIG tras tantos escritos, solicitudes de reunión, de vincular o compromiso da súa elaboración á sinatura do Acordo de teletraballo, de tantas denuncias públicas nos medios de comunicación e no noso  web, provocaron que a Xunta veña de convocar hoxe 2 de novembro de 2021 a segunda reunión da Comisión Negociadora do I Plan de Igualdade para o vindeiro 17 de novembro, xusto dous días despois de comezarmos a difusión polos centros de traballo do noso boletín especial, onde explicamos a necesidade do Plan de igualdade para todo o persoal e denunciamos as enormes eivas da Xunta de Galiza na conciliación, nas ferramentas de protección fronte ó acoso ou na falla de mulleres nos órganos de dirección.

Na CIG seguimos alerta para que esta sexa a definitiva, e non un mero requisito legal, porque queda pouco para rematar o prazo dun ano para ter listo o Plan de igualdade. 

As compañeiras delegadas traballamos coa máxima implicación para que esta ferramenta de vital importancia aumente as garantías de dereitos de todo o persoal empregado, con independencia  do seu sexo, tipo de traballo, xornada ou lugar onde preste o seu servizo. E instamos á Xunta a que manifeste agora, oficial e publicamente o seu compromiso en levar adiante este plan.