Novas por contido

Mobilizámonos contra a demora do concurso de traslados e a ineptitude da dirección xeral da Función Pública

Arredor de 200 persoas, entre delegadas e persoal de servizos centrais, rodeamos este martes 23 de novembro, en manifestación, o edificio administrativo da Xunta de Galiza de San Caetano para esixir a dimisión do Director Xeral de Función Pública. É inadmisible a demora do concurso de traslados en seis meses máis, cando leva xa dous anos de retraso. Dilación que afecta tamén a outros concursos de traslados como os de corpos especiais, escalas e persoal laboral que levan, nalgúns casos, até 12 anos dende o último concurso.

Este atraso é na práctica un recorte de dereitos para quen quere mellorar profesionalmente, porque se lle impide a promoción profesional, e para quen quere trasladarse de posto ou de localidade, pois se lle limita o dereito á mobilidade.

Propostas da CIG

Lembramos a proposta feita pola CIG xa hai máis dun ano e que daría solución a esta parálise: desligar os procesos selectivos do concurso de traslados.

Xunto a isto demandamos tamén outras cuestións como a extensión da carreira profesional para todo o persoal empregado público sen distincións, o incremento das prazas de promoción interna, o establecemento para os procesos selectivos duns criterios claros, uniformes e acaidos ao seu fin, o traslado dos dereitos do V Convenio de persoal laboral para o persoal funcionarizado e a súa extensión ao todo o resto do persoal funcionario. De non facelo estaríanse a perder dereitos laborais como as compensacións polos traballo en domingos e festivos, pero tamén a reserva nos procesos selectivos do 50% de prazas para promoción interna ou a posibilidade de ter un trienio mínimo de 32€ que é o que percibe hoxe o persoal laboral acollido ao V Convenio.

O director xeral da Función Pública ten que dimitir

No trascurso da manifestación demandouse a demisión ou o cese do director xeral da Función Pública por incompetente. É tan clara a súa inutilidade na xestión e o seu malfacer que ata os seus socios do Acordo de concertación, CCOO e UGT, anunciaron manifestarse tamén para demandar os dereitos que se perden coa funcionarización e pola carreira profesional ilegal que asinaron. Todo isto non deixa de ser indicativo de como andan as cousas: foron partícipes cómplices da chantaxe de Función Pública ao asinar unha carreira profesional ilegal e discriminatoria e agora semella que lles entran os remorsos.

Mentras tanto, Función Pública, co apoio dos seus socios CCOO e UGT, afonda no incumprimento do seu propio acordo ao paralizar o aboamento do segundo grao extraordinario que tiña que ser convocado no último trimestre 2020, pese a estar orzamentado para este ano 2021.

Ao tempo, fixemos tamén un chamamento a CCOO e UGT para que deixen de participar do xogo patronal e se desmarquen dun Acordo de concertación no que aceptaron a perda de dereitos laborais e salariais e unha carreira profesional ilegal que afonda nas desigualdades entre o persoal empregado público.

Barreiro, se non te vas ti, botarémoste nós!!

Esta non é a primeira manifestación convocada pola CIG demandando o cese do director xeral. Hai apenas catro meses xa o fixemos, e a lista de motivos non fai máis que medrar día a día. Ao retraso nos concursos de traslados hai que sumarlle outras cuestións como a desfeita nos procesos de promoción interna e de consolidación e estabilización de emprego, nos que a súa complexidade foi tal que, por exemplo, no proceso de consolidación do grupo IV-01 non aprobara ninguén, algo insólito na historia da administración pública galega.

O propio Consello de Contas no seu último informe dalle un bo tirón de orellas á Dirección Xeral da Función Pública pola súa mala xestión neses aspectos e noutros coma a alta temporalidade na administración pública, a execución das ofertas de emprego público, a excesiva duración dos procesos selectivos, a necesaria creación de órganos especializados e permanentes para a organización dos procesos selectivos, o abuso das comisións de servizo ou a opacidade nas adxudicacións das libres designacións, aspectos todos eles denunciados pola CIG dende hai anos.

Na CIG témolo claro, seguiremos a denunciar estas desfeitas, a combater as inxustizas e a revelarnos ante o abuso.

 

 

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...