O martes 8 de marzo tivo lugar unha terceira xuntanza para tratar a modificación de RPT da Consellaría de Medio Ambiente Territorio e Vivenda que xa estaba pendente de ir a mesa xeral. Esta xuntanza convocouse con motivo dunha memoria complementaria para incorporar a esta modificación:

- novas sentenzas xudiciais firmes, unha recoñece a unha traballadora a condición de persoal laboral indefinido non fixo e outra que recoñece o dereito a reserva de praza nos termos contemplados na disposición transitoria 10 (2ªparte) do V Convenio Colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galiza.

- a modificación das escalas de varios postos por mor das modificacións que na Lei de emprego público de Galiza fixo a Lei 18/2021, de 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

- a modificación de 4 postos de persoal laboral fixo descontínuo que pasan a 12 meses para poderen funcionarizarse (3 peóns forestais e un vixilante de recursos). Para financiar a ampliación pretenden amortizar un posto de oficial de establecemento e outro de peón forestal.

Desbloqueo da situación no Parque Nacional Illas Atlánticas 

O persoal que presta servizo no Parque Nacional Illas Atlánticas sofre unha situación de bloqueo nas súas condicións laborais dende que o Parque foi transferido á Xunta de Galiza en 2008. A Xunta nunca fixo por incorporar nas RPT ao persoal transferido, nin avanzou na regulación das especiais condicións de traballo do persoal que presta servizo en condicións de insularidade, o que  implica permanecer no posto de traballo períodos de 7 días consecutivos con pernocta nas illas e a total disposición as 24 horas.

Esta situación de falla de RPT e dunha regulación da xornada especial derivou nunhas condicións de traballo penosas que a CIG ven denunciando dende fai anos.

Na anterior xuntanza sobre a modificación da RPT a CIG tomou a iniciativa neste asunto propoñendo unha mesa de traballo para desbloquear unha situación que derivaba nun problema de cronificación da penosidade para o persoal. A proposta foi ben acollida pola Consellaría que propuxo a primeira xuntanza de traballo para o mes de xaneiro de 2022.

Na actual xuntanza e trala intervención da CIG, onde introducimos novamente o asunto, a Consellaría confirmou a data do 17 de marzo para convocar a primeira xuntanza da mesa de traballo sobre o Parque Nacional Illas Atlánticas de Galiza para tratar a RPT e a regulación das condicións de traballo.