Función Pública incumpre de novo o asinado no Acordo de Concertación Social. Desta volta, no referente á percepción dos trienios do persoal laboral funcionarizado.
O Acordo de Concertación Social que foi vendido ao persoal como a oitava maravilla “garantía” para o persoal laboral funcionarizado no primeiro trienio que cumprise coa condición de funcionario unha contía económica non inferior á que lle correspondería a un trienio de persoal laboral.
Pois nada máis lonxe da realidade. O persoal funcionarizado no subgrupo C2 e na Agrupación Profesional de persoal subalterno que xa devengou unha antigüidade dende a súa funcionarización, está a percibir o primeiro trienio pola contía establecida con carácter xeral para os funcionarios de carreira da Comunidade Autónoma.
Nin rastro da promesa escrita de que o primeiro trienio como persoal funcionario se correspondería a un trienio de persoal laboral.
Despois de moitas reclamacións do persoal afectado e da denuncia da CIG nesta web, seguimos coa mesma situación e nin Función Pública nin os sindicatos asinantes son quen de resolver esta situación de flagrante incumprimento dun acordo libremente pactado.
Dende a CIG esiximos da consellaría de Facenda unha actuación decidida cara unha inmediata execución do establecido no Acordo de Concertación. Doutro xeito, estaríase confirmando o que dende a CIG denunciamos publicamente no seu momento a respecto dese Acordo no que atinxe á funcionarización.
Pura borralla que só pretende a eliminación de todo aquel persoal cun vínculo laboral así como dos dereitos inherentes a esa condición. Entre outros, elimínanse as adscricións provisionais e as superiores categorías, desaparece a promoción interna a calquera grupo tendo a titulación, a Xunta afórrase as cotizacións por desemprego, os importes dos trienios vense reducidos, pérdese o acceso á xurisdicción laboral...e, neste caso, abocan ao persoal funcionarizado a un contencioso administrativo moi custoso e lento para demandar esas diferencias na percepción dos trienios.
Á consellaría de Facenda esixímoslle o mesmo que esta lle esixe aos cidadáns/ás: PAGA O QUE ME DEBES.