No DOG do 29/12/2022 a EGAP publica a Resolución do 21 de decembro de 2022 pola que se publica o Plan de formación para o ano 2023.

O Plan de formación continua da EGAP recolle as actividades formativas dirixidas ao persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galiza, ao persoal das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, ao persoal ao servizo da Administración de xustiza de Galiza, ao persoal ao servizo das entidades locais de Galiza e ao persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galiza (UDC, USC e Uvigo), tras unha incorporación gradual que culminou, no ano 2015, coa agregación deste último colectivo como destinatario das actividades formativas da EGAP.

O plan deseñado para o ano 2023 habilita o acceso de todos e cada un dos colectivos a unha serie de áreas esenciais, adaptadas ás necesidades específicas e ás funcións asignadas a cada un deles.

As ditas áreas son as seguintes:

– Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas.

– Unión Europea: políticas públicas e procedementos comunitarios.

– Comunicación, organización do traballo e mellora das habilidades.

– Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa.

– Plan de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero.

– Lingua galega.

– Portal de idiomas.

– Plan formativo ofimático de Galicia.

– Plan formativo no marco do Instituto de Economía Pública de Galicia

Cómpre lembrar que este Plan ten unha finalidade informativa, xa que a matrícula para as actividades habilitarase ao longo do ano a través das respectivas convocatorias que se publiquen no DOG.