A CIG non está polo labor de aumentar as desigualdades e o mal ambiente nun organismo como o AGADIC, dependente da Consellaría de Cultura e Educación. Nesta primeira xuntanza, que foi o venres 24/02/2023, o director do AGADIC, vendeunos as bondades desta modificación da RPT, na que só vemos problemas, como contamos de seguido e que lle fixemos saber xa nesa reunión.

  • Primeiro, lamentamos a destrución de emprego neto: nesta RPT amortízanse oito postos directamente e quedan seis a extinguir. Ou sexa, amortízanse en diferido seis a maiores dos oito.

  • Pedimos a memoria económica, que non nos facilitaron, e chegaron a dicir que non se destrúe emprego neto. Pois, que nos digan como crean unha subdirección, reclasifican varios niveis e dan varios específicos a maiores, se non amortizan prazas e non aumenta o gasto, será cousa de maxia!

  • Estamos en contra de reconverter postos base en xefaturas de negociado cando están ocupadas. O xeito correcto sería amortizalas e crealas de novo. Se non fan así, premian a uns si e a outros non.

  • Estamos en contra da modificación subxectiva de dúas prazas de tremoeiro/a, cambiándolle o nome a estas fora do V convenio chamándolle “tremoeiro/a de escena, e tremoeiro/a supervisor de intendencia”, cando son cinco tremoeiros/as, e só lle soben o específico a dúas. Isto para o único que vale a para crear mal ambiente entre eles. Se a administración ve que hai unha carga de traballo extra doutros oficios (mantemento, luz, son...), o que ten que crear e outras prazas.

  • Rexeitamos o traslado forzoso de prazas (mestre gaiteiro e auxiliar de son) dende Coruña a Santiago. O xeito de proceder, aparte de unha negociación e motivación mais exhaustiva, sería o mesmo que para o aumento de nivel.

  • Rexeitamos a denominación xeral de postos base para prazas nas que se valora calquera tipo de experiencia ou coñecementos específicos; temos varias prazas así nesta RPT.

  • Rexeitamos que, nalgún departamento teñan asignado un C1 nivel 22 a un A1 nivel 20, do que depende.

  • Solicitamos a retirada da adscrición A15 o posto de Dirección da Filmoteca de Galiza, e a súa adscrición ordinaria con persoal da Xunta de Galiza (AXG).

  • No departamento de coordinación xeral existen dúas prazas de subalterno, un con xornada ordinaria e outro con xornada partida, sen diferencia económica. Solicitamos que se retribúa a distorsión horaria.

En definitiva, como non modifiquen moito esta RPT, este organismo parece que quere converterse nun chiringuito que aumenta as desigualdades, e o mal ambiente entre os seus traballadores, cousa que a CIG rexeita de fronte.