Informábamos no resumo da Comisión de Persoal do martes 30 de maio, da seguinte información do director xeral de Función Pública:

Carreira profesional: di que continúan coa tramitación. Publicarán no DOG do 2 de xuño a presentación de documentación no FIDES (comezará o día 5). Afecta unhas 500 persoas. Non haberá requirimento individualizado.

O xoves 1 de xuño recibimos unha comunicación de Función Pública co seguinte enunciado: "Finalmente por temas de publicación en DOG, o anuncio co requirimento ás persoas solicitantes da carreira administrativa ou complemento de desempeño, publicarase o vindeiro luns 5 de xuño e non o día 2".

É dicir, que queda para o luns 5 a publicación no DOG da relación de persoas ás que se lle vai requirir documentación para o recoñecemento da carreira administrativa do persoal funcionario ou do complemento de desempeño do persoal laboral.

Aproveitamos para falar do seguinte: recibimos varias consultas preguntándonos se este anuncio tiña que ver cun novo prazo para a presentación da solicitude da carreira profesional ás persoas que quedaron fora por non decatarse no seu momento (foron moitos os compañeiros e compañeiras con moita antigüidade que quedaron fora). Non, este anuncio non ten que ver, non é un novo prazo.

Sobre isto último, a CIG considera que o recoñecemento da carreira ten que ser como cos trienios, que se recoñecen en canto se cumpren os requisitos, e non agardar a que o señor director de Función Pública teña a ben convocalo e non nos faga perder diñeiro porque non lle peta facer a convocatoria.