No DOG do 06/06/2023 publican a RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se publican os requirimentos de emenda de documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 25 de novembro de 2022 polo que se convoca o procedemento de acceso aos graos I e II do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral.

Publican a listaxe de solicitudes que deberán acreditar o cumprimento dalgún dos criterios de avaliación exixidos porque non consta a dita información no Rexistro Central de Persoal. Tal relación vén recollida no anexo desta resolución.

Segundo os artigos 14 e 16 da Orde do 25 de novembro, os anteditos criterios de avaliación deberán cumprirse o 31.12.2021, polo que non serán válidos os cursos feitos con posterioridade a esa data. Tampouco serán válidos os cursos convocados, organizados ou impartidos por organismos que non estean especificamente indicados nos artigos 15 e 17 da antedita orde.

Cada mérito deberá acreditarse documentalmente segundo o indicado no anexo da Orde do 25 de novembro.

A acreditación dos méritos descritos na letra a) Formación do dito anexo realizarase de xeito electrónico a través do sistema Fides, http://fides.xunta.gal segundo as axudas e instrucións habilitadas para o efecto.

Para cada mérito deberán completarse os datos solicitados no formulario.

Sempre que se dispoña de documentos acreditativos electrónicos orixinais ou copias electrónicas auténticas, estas achegaranse electronicamente no formulario e presentarase electronicamente a solicitude de actualización do mérito.

Só para aqueles méritos para os que o solicitante non dispoña, nin poda dispoñer, de documentos acreditativos electrónicos orixinais ou copias electrónicas auténticas, o solicitante deberá, unha vez cuberta a información do mérito no sistema Fides, xerar a solicitude de actualización do mérito e presentala presencialmente acompañada dos documentos acreditativos en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

O prazo para a presentación das solicitudes iniciarase o día 7.6.2023 e será de 15 días hábiles.

As persoas solicitantes relacionadas no anexo son requiridas para que, no prazo máximo de 15 días hábiles a partir do día 7.6.2023, acheguen os documentos preceptivos segundo o procedemento establecido no punto anterior. De non facelo, teranse por desistidas na súa petición, logo de resolución, que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.