Na Mesa Xeral do 30 de xuño a CIG volveu esixir a Función Pública que acate a providencia do Tribunal Supremo que confirma a sentenza que declarou ilegal a chantaxe da funcionarización do persoal laboral fixo para acceder á carreira profesional (complemento de desempeño)

Tralo recente pronunciamento do Tribunal Supremo a favor da CIG, a sentenza gañada contra a Orde de confección de nóminas de 2019 adquiriu plena firmeza, de xeito que a chantaxe da funcionarizacion é ilegal, ao tempo que otorga ao persoal laboral fixo o pleno dereito a carreira profesional.

Diante desta labazada xudicial, na Mesa Xeral do 30 de xuño a CIG solicitoulle a Función Pública o seguinte:

1. Que abran un periodo extraordinario con efectos económicos de 2019 para o persoal laboral que non aceptou o compromiso de funcionarización.

2. Que se reactive de oficio, coa percepción dos atrasos correspondentes, o pagamento do grao 1 da carreira a todas aquelas persoas ás que llo suspenderon por non funcionarizarse.

3. Que eliminen a chantaxe no complemento de desempeño da nova carreira.

O director xeral de Función Pública di que discrepa da sentenza e basicamente anunciou que non ía facer nada porque nos fundamentos da mesma non di nada sobre a funcionarización. Desculpas de mal pagador, nunca mellor dito. Convidámosche a que leas a providencia do Tribunal Supremo aquí.