As seis semanas adicionais por maternidade, tamén para a paternidade

O TSXG estima que o empregado público denunciante ten tamén dereito a 6 semanas adicionais ás 16 do permiso de paternidade, a cargo da administración pública e en igualdade de condicións que o permiso de maternidade das mulleres.

O Tribunal de primeira instancia de Vigo de primeiras fallou en contra do traballador, mais unha vez recorrido pola CIG diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, este revogou a sentenza inicial en contra, estimando a demanda nos seguintes termos:

«...sobre DEREITOS DE CONCILIACIÓN DA VIDA PERSOAL, FAMILIAR E LABORAL, debemos revogar e revogamos a resolución recorrida, estimando a demanda e declarando o dereito do actor a desfrutar dun permiso por nacemento de fillo de proxenitor non xestante de 22 semanas de duración, e non das 16 semanas recoñecidas, condenando á ENTIDADE DEMANDADA a estar e pasar por esta declaración e a que lle recoñeza o dereito a desfrutar das 6 semanas non recoñecidas, con todos os efectos legal e regulamentariamente establecidos...»

O TSXG considera que hai discriminación indirecta por razón de sexo na situación en que una disposición, criterio o práctica aparentemente neutros pon a persoas dun sexo en desvantaxe particular con respecto a persoas doutro.

Basea a súa sentenza nos dereitos de conciliación e a corresponsabilidade, na Lei de emprego público de Galiza, no Real Decreto-Lei 6/2019, de 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación, establecendo idéntica duración para o permiso por nacemento da nai biolóxica que para o permiso derivado do nacemento para o proxenitor distinto da nai biolóxica, así como nas directivas europeas de aplicación.

A CIG comprometida na conciliación e a corresponsabilidade familiar nos labores de coidados.

Reclama os teus dereitos!!