O ano pasado afirmou que todas as horas extras traballadas polo persoal do SPIF durante a vaga de lumes do pasado verán serían compensadas

A realidade é que a día de hoxe parte do persoal do servizo de incendios segue sen cobrar e sen desfrutar a compensación en tempo de traballo establecida

Na nómina de decembro do ano pasado fóronlle aboadas a unha parte do colectivo as horas de prolongación realizadas na extinción de lumes entre o 14 de xullo e o 31 de agosto de 2022. Pero non a todos. Como pode ser isto se todo o persoal que aceptou prolongar a súa xornada para loitar contra as nefastas consecuencias dos gravísimos incendios realizou o mesmo esforzo e arriscou a súa seguridade por igual?

Non hai ningún criterio obxectivo para realizar esta discriminación e a Consellaría do Medio Rural non dá ningunha explicación para este agravio entre o persoal do servizo de incendios.

Dende a CIG xa manifestamos que non se debían pagar as horas extras e que tiñan que compensar a súa totalidade en tempo de descanso, pero coma sempre a Consellería fixo caso omiso da recomendación.

A día de hoxe dende a Consellaría non dan explicacións convincentes deste caos e vai pasando o tempo. Ante isto e para evitar que pase o prazo dun ano dende a realización das horas extraordinarias, dende a CIG recomendámosvos a todas e todos os compañeiros/as que non cobraron que presenten unha reclamación previa de cantidades antes de que cumpra o ano da súa realización.

Se queres reclamar contacta cos delegados/as da CIG para que te faciliten o modelo.

CONSELLEIRO: PAGA O QUE DEBES