Cando aínda estamos en negociación, CSIF, SEPGA, CCOO e UGT xa anunciaron o seu voto favorable en plena xuntanza, polo que están a renunciar a acadar calquera mellora.

Os sindicatos participamos o xoves 7 de xullo nunha xuntanza con Función Pública e Sanidade para tratar o acordo de condicións de traballo do persoal funcionario da escala de farmacéutico inspector de saúde pública (FISP). O director xeral de Función Pública quere pechar o texto a semana que ven e aprobalo finalmente nunha Comisión de Persoal neste mes de xullo (se é posíbel, xunto coa RPT). Descargar proposta.

Todos os sindicatos pediron algunha mellora pero, agás a CIG, xa anunciaron o seu voto favorable na propia mesa de negociación. Con este posicionamento xa declarado, Función Pública e Sanidade non necesitan facer concesións, pois saben que teñen garantido o apoio de CSIF, SEPGA, CCOO e UGT sen mover unha letra.

A CIG foi o único sindicato que mantivo a tensión aportando e debatendo ata o ultimo momento. O noso voto xa o comunicaremos cando chegue o momento de votar, non agora cando aínda estamos sentados a negociar.

A proposta necesita depurar algunhas cuestións e a CIG non renuncia a conseguilo, polo que na mesa reclamamos con forza que:

  • Compensan con diñeiro a activación das gardas localizadas como se foran horas extraordinarias. Pero o tempo dispoñible desas gardas localizadas, que por sentenza son traballo efectivo, non as compensan nin con diñeiro nin con descanso.
  • O cómputo de horas traballadas supera o máximo anual: por exemplo, facer gardas seis fins de semana e dous festivos ao ano, con 13 horas en cada día de garda, e sen compensar con descanso superan o máximo de 1665 horas anuais.

  • A proposta fala (punto 8) de reclasificación dos postos. O literal do texto implica que os postos de coordinador/a sairían dos existentes, seleccionados a dedo, e reclasificados. A CIG esixiu que non poden reclasificar a coordinador/a postos con titular.

  • Hai que corrixir o texto para garantir a reciprocidade de calquera mellora cos compañeiros e compañeiras veterinarias.

Finalmente o director xeral de Función Pública e a representación de Sanidade, aceptaron:

  • Afinar a redacción para deixar constancia de que as futuras melloras serán de aplicación recíproca a FISP e VISP.

  • Que darán unha volta ás gardas e a definición de retribucións.

  • E que os postos de coordinación serán creación/amortización, non reclasificación.