O director xeral de Defensa do Monte vólveo a facer: iluminado pola gracia divina, escolle a un grupo de funcionarias/os públicos que van ser parte dunhas unidades segredas chamadas UDEX

As UDEX ou Unidades de Directores de Extinción aparecen no PLADIGA (Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza) como por arte de maxia. Trátase dunha unidade de directores de “elite” para dirixir grandes incendios forestais. Supoñemos que terán formación avanzada e medios que non terá o resto do persoal, pero non sabemos nada máis.  Iso si, os compañeiros elixidos “a dedo” polo director xeral terán “nivel 22 ou 25” e “consolidarán ese grao persoal” e estarán ás ordes directas do director xeral de Defensa do Monte

No PLADIGA 2023 a UDEX é definida como un equipo de traballo formado por persoal especialmente cualificado e especializado nas labores de Dirección de Extinción que, en lumes con elevado potencial de converterse en gran incendio forestal de nivel (operativo) B ou C, poderán ser mobilizados polo Centro de Control Central (CCC) para a súa intervención, coa intención de facilitar e favorecer o correcto desenvolvemento do operativo asumindo a Dirección Técnica de extinción á súa chegada ao lume.

Esta, como outras novidades do PLADIGA, que afectan a funcións e traballo do persoal, son materia obrigada de negociación colectiva e a día de hoxe aínda NON FORON NEGOCIADAS e non existen nin na estrutura nin na RPT da consellería. 

Os postos da UDEX non existen, nin na RPT nin fóra

Nin localidade de adscrición, nin se sabe como van cobrar ese nivel 22-25, nin que funcións van ter, nin en que demarcación, nin cales van ser as súas condicións laborais e salariais… Os ruxe ruxe din que estarán as ordes directas do director xeral e que traballarán as 24 horas .. O que está claro con todo isto é que este director pensa que a Administración pública é Transportes Manuel Rodríguez SL. 

Porén, aínda que as prazas non existen, sabemos que se escolleu en segredo ao persoal para formar parte destas unidades, e que xa se lles fixo entrevista na propia Dirección Xeral. Un escándalo maiúsculo na Administración pública.

Xa denunciamos este proceder ante o novo Secretario Xeral Técnico da Consellería de Medio Rural, que estrea cargo cun bo grupo de secuaces; máis polo de agora non respondeu.

O funcionamento das UDEX contradí o propio PLADIGA

A pesar de que as funcións UDEX veñen recollidas no PLADIGA, as últimas noticias que chegaron aos distritos apuntan a que estes UDEX van participar unicamente como apoio aos directores e directoras de extinción dos lumes forestais. Incluso hai quen di que van funcionar de espías do director.. (deixamolo aí). O que temos claro é que os/as compañeiros/as da UDEX desaparecen das cartelerais de traballo dos distritos a partir do 19 de xullo, e NON OS SUBSTITÚE NINGUÉN. 

O que si está claro é que o director xeral de Defensa do Monte é un seductor que se alimenta da ilusión das persoas. Máis o fin non xustifica os medios, señor secretario xeral técnico da CMR, ou o paras ti ou parámolo nós

ASI NON!