Os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UGT, xunto con Función Pública e Política Social, estivemos a negociar nas últimas semanas un Acordo de condicións de traballo en centros de xestión propia da Consellería de Política Social e Xuventude.

Despois de varias xuntanzas, borradores e alegacións, finalmente chegou o día en que os sindicatos tivemos que votar na Comisión de Persoal do 9 de agosto si aceptabamos ou non a proposta final do Acordo. CCOO e UGT xa votaron a favor do texto.

A CIG manifestou que votar en agosto unha proposta que afecta a milleiros de persoas e con cambios no texto final no mesmo día da votación, é facelo sen coñecer a opinión do persoal. Por tanto, a CIG solicitou poder aprazar o seu voto ata setembro, para así poder pescudar a opinión dos compañeiros e compañeiras. 

Pero o director xeral de Función Pública non aceptou e só permitiu adiar o voto ata o venres 11 de agosto. Xa que logo, non vemos outra maneira rápida de coñecer a opinión do persoal que facelo mediante un formulario na rede.

Para participar neste cuestionario urxente, temos que poder identificar ás persoas que votan, polo que che vamos a pedir que nos digas o teu nome, apelidos e o centro de traballo. Desbotaremos a opinión das persoas que non poidamos identificar como traballador/a dun centro de Política Social.

Rematamos pedindo desculpas por facer as cousas deste xeito, pero as persoas que dirixen a Administración non nos permiten facer as cousas como hai que facelas.

(Os datos que recollamos non serán gardados. Serán eliminados o venres, unha vez analizados)

Formulario para votar: ligazón

Este é o texto final do Acordo: ligazón