Defendemos que se amplíe o tempo de traballo ata 12 meses para todo o persoal e coa  maior seguridade xurídica

O 26 de setembro de 2023 tivo lugar unha segunda xuntanza do Comité Intercentros para tratar a ampliación do tempo de traballo do persoal do SPIF de 9 meses a 12 meses. Nesta reunión CIG e CSIF emitimos o voto favorable logo de que a administración confirmase a inclusión expresa do persoal temporal e indefinido non fixo e o carácter voluntario desta ampliación de tempo de traballo. CCOO e UGT xa o fixeron na xuntanza do pasado venres, xa que como é habitual, conformábanse co primeiro borrador que nos puxeron diante.

Aínda así, esta nova proposta da Administración segue a ser insuficiente porque queda pendente a cuestión fundamental da ampliación do tempo de traballo para o persoal de 6 meses. Tamén solicitamos a aplicación deste acordo ao persoal oficial de defensa contra incendios forestais (categoría a extinguir).

Por iso, e tendo en conta que houbo cambios substanciais respecto do primeiro borrador e que temos que impulsar a ampliación do tempo a 12 meses para que a Administración non teña escusas e siga a paralizar todo coa súa ineptitude, apretamos ata o final para que o texto fora o máis exhaustivo posible. Coa CIG seguimos na loita: agora tócalle ampliar ao persoal de 6 meses.

AVANTE COA CIG!