O día 10 de outubro de 2022 tivo lugar unha xuntanza para expoñerlle ás OOSS a acta única que quere implantar a Conselleira de Medio Rural.

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, despois de máis de 2 anos dende que se tivera a primeira reunión e de que a CIG presentara alegacións por escrito a unha proposta de modelo de acta única, a administración explicou cal vai ser o funcionamento da nova aplicación “SIRFOG”. O acceso a esta aplicación deberase facer a través da Intranet da Xunta, co usuario corto e contrasinal.

A aplicación servirá para tramitar o inicio de calquera denuncia das distintas leis que afectan a Consellería do Medio Rural (lei de montes, lei de incendios, lei de recuperación de terras agrarias...).

A acta confeccionarase na aplicación e xerará unha acta que será enviada directamente ao Servizo Técnico Xurídico para a iniciación do procedemento. A través da mesma plataforma o Servizo Xurídico poderá solicitar unha aclaración de acta ou comprobar o estado da mesma.

Deste xeito todas as actas quedaran arquivadas e en todo momento se poderá facer unha procura por DNI ou referencia catastral para localizar unha acta.

O día 17 de outubro tivo lugar unha xornada formativa para coñecer a aplicación da "acta única" e para a tramitación das actas de inspección.

Dende CIG solicitamos que os traballadores/as teñan acceso ao catastro para poder cumprimentar os datos da persoa titular das parcelas inspeccionadas. A administración infórmanos que iso a día de hoxe non é posible, pero que ven posible que a propia aplicación extraia os datos directamente do catastro.