Continúa a liorta xudicial polo dereito a traballar no sector público nos periodos de inactividade do persoal fixo descontinuo. O Tribunal Supremo admitiu a tramite o recurso de casación da CIG para discutir se o réxime de incompatibilidades se aplica nos periodos de inactividade dos contratos fixos descontinuos

Aló polo 2020, a instancia da CIG, un traballador fixo descontinuo de 6 meses do SPIF gañara unha sentenza que lle outorgaba o dereito a traballar no concello durante o periodo de suspensión do seu contrato. Naquel momento a Xunta recorreu aquela sentenza ante o TSXG e gañou, abocando ao traballador a non poder traballar nos periodos de suspensión do seu contrato ao denegarlle a compatibilidade.

A interpretación torticeira da norma de incompatibilidades que fai a Administración autonómica para asoballar e abusar sobre o seu persoal atenta contra o dereito ao traballo das persoas, o que as aboca a unha vida de miseria xa que teñen que subsistir por debaixo do IPREM (o indicador da pobreza para o 2023 está nos 600 euros brutos mensuais).

Mais agora temos unha boa nova, o día 17 de outubro notificáronnos a admisión polo Tribunal Supremo do recurso de casación interposto pola CIG sobre o réxime de incompatibilidades do persoal temporal descontinuo.

En concreto, o Tribunal Supremo deberá pronunciarse sobre:

“Determinar si el periodo de inactividad laboral en las relaciones laborales del personal temporal discontinuo, debe considerarse como desempeño de actividad en el sector público y, como tal, sujeto en consecuencia al régimen de incompatibilidades regulado en la Ley 53/1984, de 26 de diciembre, de Incompatibilidades del personal al servicio de las Administraciones Públicas.”

Ao albor desa boa nova, o mesmo día 17 de outubro, na mesa xeral de Orzamentos, a CIG esixíulle de novo á Administración que permita compatibilizar e traballar ao seu persoal fixo descontinuo nos periodos de suspensión do contrato.

Na CIG estamos ansiosas en que se faga xustiza e que o Tribunal Supremo cree xurisprudencia para que a Xunta non lle negue nunca máis a ningún outro/a compañeiro/a o poder traballar no período de inactividade do contrato.