No DOG do 15/12/2023 publican a RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.

A Canle de emprego público de Galicia (FIDES) constituirá a plataforma de acceso ao expediente persoal electrónico.

O expediente persoal electrónico (en diante, expediente) é o instrumento onde se integran todos os datos e documentos persoais e profesionais do persoal incluído no ámbito de aplicación destas instrucións, nun soporte electrónico interoperable e multidisciplinar, que posibilita a xestión integral do seu currículo nun contorno propio, flexible, áxil e actualizable ao longo do tempo.

O expediente incluirá datos persoais e identificativos, así como académicos ou profesionais, e calquera outro dato que se considere necesario para a xestión dos procedementos de persoal. Os datos de contacto que figuren no expediente usaranse de xeito preferente para as comunicacións e notificacións que teñan que realizar os órganos competentes, salvo que a normativa específica na materia estableza outras canles ou criterios.

As persoas interesadas poderán solicitar a actualización ou modificación dos datos que consten no seu expediente. As persoas interesadas terán que iniciar este proceso electronicamente a través da Canle do emprego público de Galiza (FIDES) para actualizar a información nas epígrafes correspondentes a cada mérito e xerar o documento de solicitude a través do sistema.