O persoal funcionario da Consellería do Mar destinado na Lonxa de Cariño carece de calquera tipo de aseo sanitario nas súas instalacións de traballo.

As instalacións da Lonxa de Cariño están a sufrir un alarmante deterioro xeral, con pingueiras e fallos estruturais que motivaron que a entidade Portos de Galicia pechara as súas instalacións e trasladase ao seu persoal deixando ao persoal da Xunta de Galicia sen aseo e nunhas condicións sanitarias inadecuadas, inseguras e que incumpren a normativa básica .

O abandono de Portos de Galicia supuxo que se lles pechara o acceso ao único aseo sanitario en condicións aos funcionarios da Consellería de Pesca.

Dende a CIG denunciamos esta grave incumprimento do RD 486/1997 de 14 de abril en materia de disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo diante da Xefatura Territorial da provincia da Coruña e diante da Subsecretaria de Pesca; pero dende marzo do ano 2023 todo foron palabras sen feitos: que tiñan que pedir autorización ao ente de Portos para usar as súas instalacións, que tiñan que mandar persoal técnico para avaliar as obras, que si facer un presuposto , que si era máis caro , que porían un aseo de obra, etc. diante de tamaño desinterese por solucionar esta carencia ao persoal e a CIG non nos quedou máis remedio que denunciar diante da Inspección de Traballo que a Administración Pública Galega pretende manter ao seu persoal nunha situación de indignidade, máis propia da era preindustrial.

A inspección evidentemente constatou a falta de calquera tipo de aseos e levará a cabo as actuacións pertinentes pero dende a CIG preguntámonos se a saúde, a dignidade do seu persoal non pesa para a Consellería do Mar, ou como non serán sancionados como o sería calquera empresa privada non lles importa, ou como son só 3 traballadores non teñen a mesma dignidade?. Ou é que neste momento están todos moi ocupados en atender outras tarefas porque tampouco a Delegada Territorial da Xunta en Galicia se reuniu coa CIG para tratar este tema e outros asuntos de vital importancia para o persoal da Xunta de Galicia na comarca de Ferrolterra malia terllo solicitado por escrito.