O Consorcio exerce presión sobre as súas traballadoras ante a mobilización pola eliminación das titorías e tempo para a programación educativa

Ante a mobilización convocada pola CIG mañá 14 de febreiro ás 11 horas diante dos Servizos Centrais do Consorcio e Política Social en Compostela, o Consorcio de Igualdade e Benestar enviou ás familias e ás traballadoras unha carta comunicando que a información trasladada nos últimos días polas compañeiras de “non ter titorías é unha información errónea”, “De cara a continuar mellorando as condicións laborais dos traballadores, estanse a negociar outros aspectos do acordo, como é a adaptación concreta da programación e titorías...” As compañeiras das escolas trasladaron ás familias información veraz sobre a prestación do servizo despois da comunicación da xerencia aos centros para establecer os novos cadros horarios eliminando os tempos de programación e titorías coas familias.

As negociacións da Xunta e Consorcio cos comités de empresa remataron sen que pola parte da Administración se dera ningunha solución máis que "'autoxestión e autorganización' dentro do tempo 100% de atención directa as crianzas”. Isto é o mesmo que dicir que o traballo que non é atención directa ás crianzas é por vontade e fóra do horario laboral. A ninguén se lle ocorre porse a facer unha titoría con nais e pais atendendo a varias crianzas ou programar mentres estás co alumnado.

E preguntamos,

  • Se ata o 31 de xaneiro tiñamos 2 horas á semana dedicadas á programación educativa, por que agora non?
  • Se como din están abertas as negociacións, por que non hai convocatorias de reunión para solucionalo? Por que pecharon a porta a calquera solución formulada pola representación do persoal?

Este mes é clave no curso académico 2023-2024, as avaliacións deberían estarse a realizar xa, pero non coa cativada no colo.

Estamos a defender os nosos dereitos como traballadoras e a calidade do servizo público.

A horas da mobilización programada, a Xerencia adxunta do Consorcio está a enviar comunicados ás familias para desacreditar ás súas propias profesionais. Este proceder é totalmente reprobable en todos os aspectos. É inadmisible. E, tamén temos coñecemento de comunicados enviados ás traballadoras e incluso acoso, ameazas e presión individual. A mobilización e o conflito é a ferramenta que temos todas as traballadoras para demandar os dereitos laborais e como empregadas públicas tamén para defender un servizo público de calidade.

Somos escolas, non garderías!