Este é o primeiro 8 de marzo no que o persoal da Xunta de Galiza vai contar cun Plan de Igualdade aprobado pola administración da Xunta e os sindicatos CCOO, CSIF e UXT, co voto en contra da CIG

Porque votamos en contra? Porque este Plan non recolle nin un mínimo de medidas que poidan mellorar a situación das traballadoras na Xunta de Galiza; porque asinar o Plan, tal e como se fixo, é unha oportunidade perdida de adoptar unhas medidas para conseguir avances reais en igualdade; porque non se aproban apenas medidas, senón declaracións de intencións para implementar esas medidas nun futuro hipotético. Estas medidas xa deberían estar incluídas no Plan para proceder á súa aprobación, e nós non podemos asinar futuribles.

Este plan careceu dende o principio dunha obrigada análise dos postos de igual valor (programada para o segundo semestre de 2025) ou dunha auditoría retributiva (programada para o primeiro semestre de 2026). Ambas as dúas cuestións son de obrigado cumprimento para a elaboración da diagnose da situación da igualdade na Administración para despois elaborar un Plan, non a posteriori.

Neste plan hai moitas eivas:

  • Non se negociou un Protocolo de violencia de xénero nin de violencia contra o colectivo LGTB+
  • Non hai unha protección para as mulleres embarazadas que son chamadas a traballar polas listas de contratación e que están sufrindo unha discriminación polo seu estado (o SERGAS sí contempla esa especial circunstancia contratando a estas traballadoras e cubríndoas con substitucións)
  • Penalízase ás mulleres en situación de risco no embarazo ou risco durante o aleitamento e non se lles aplican durante estes periodos as subidas salariais
  • Non se negociaron novos permisos para acadar a conciliación familiar e laboral.

Por todo iso e por dignidade non asinamos esta broma sen graza mal chamada plan de igualdade; que reflicte que tanto á Xunta de Galiza como ás centrais asinantes, acadar ou non a igualdade, igual lles dá.