Tras a parálise postelectoral da Xunta o 22 de marzo constituíuse. Comezaron coas carteleiras, pero a administración non trouxo proposta de reorganización nin de contratación de xefes/as de brigada.

Esperabamos comezar moito antes con estes traballos pero a administración nen sequera se dignou a enviar a documentación previa para o seu estudo e así poder ir avanzando.

Nesta reunión falamos xa de carteleiras e destacamos que non admitiron negocialas contando co persoal fixo-descontinuo, xa que polo de agora queren seguir aplicándolles o V Convenio. En conclusión, separan persoal funcionario e laboral de todo o ano do persoal fixo-descontinuo.

Dende a CIG xa instamos á consellería a que faga a extensión de inmediato como se comprometeron. Non podemos ter dous sistemas de carteleiras na campaña de verán; sería un caos no servizo e un despropósito, producindo diferenzas inxustas entre o persoal. Iso si, o que esiximos é que estenda unhas condicións dignas, non unha mingua en dereitos e avances tal e coma pretende.

 

RESUMO DAS CARTELEIRAS PROPOSTAS POLA ADMINISTRACIÓN

1. Franxas semanais: T1-T2-M1-M2-N

2. Quendas:

· T1:  14:00 a 24:00 horas
· T2:  18:00 a 04:00 horas
· M1: 08:00 a 18:00 horas
· M2: 09:00 a 19:00 horas
· N:   22:00 a 08:00 horas ou de 00:00 a 10:00 horas (meses alternos)

3. Estas franxas serían para todas as escalas/categorías do persoal de 12 meses e para todos os distritos iguais.

4. As brigadas de 7 compoñentes repártese en 4/3 compoñentes. O grupo de 3 deberá coincidir cun que teña xefe de brigada noutra brigada.

5. A maiores, tampouco regulan as vacacións para que cadaquén as solicite como queira.

6. Mandarán proposta destas cuestións por escrito e teremos ata o mércores 27 de marzo para presentar alegacións. A seguinte reunión será o 3 abril ás 10:00 horas.

Dende a CIG queremos comentar o seguinte:

• Como agardabamos o director xeral de Defensa do Monte, que non negociou o acordo, fai valer a sua postura de que todos servimos para todo, e NON QUERE CONTRATAR MAIS XEFES/AS DE BRIGADA para reorganizar con sentidiño o servizo, e non reducir a operatividade.

• Tampouco estamos de acordo co recorte de dereitos que a Xunta propón. Con nós para iso que non conte.

• Non concordamos coas secuencias de rotación de 5 semanas. Coidamos que son máis acaidas secuencias de 3 ou máximo 4 (se queren equiparar as entradas cos axentes, como din, que equiparen tamén as secuencias).

• Adiantamos que unha semana de noite cada 5 son moi poucas para a realidade actual de concentración incendiaria nocturna. Ademais, producese unha baixada salarial do persoal con respecto a media actual de noites en cómputo anual. E como apunte, o T2 sería unha N porque mais do 50% da quenda é despois das 22 horas.

• Os horarios M2 e T2 son absurdos para o servizo, e a N indefinida. Estes horarios imposibilitan a conciliación, e na vez de simplificar complican as carteleiras ao pasar a ter 6 horarios diferentes.