A CIG presenta unha proposta para que se modifique a Lei de Emprego Público de Galiza de tal xeito que o grao en Educación Social sexa a titulación especializada única que habilite para o exercicio da profesión de Educador/a Social

A CIG vén de presentar perante a Dirección Xeral da Función Pública e ante as Secretarías Xerais Técnicas das consellerías onde está presente a figura dos/as Educadores/as Sociais (Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Consellería de Política Social e Xuventude e Consellería do Mar), unha proposta para que se modifique a Lei de Emprego Público de Galiza de xeito que o grao en Educación Social sexa a titulación especializada única que habilite para o exercicio da profesión de Educador/a Social.

Os argumentos que centraron esta decisión son:

  • A titulación universitaria que conduce á obtención do grao en Educación Social leva máis de 30 anos presente e xa son máis de 5000 persoas graduadas. Esta titulación botou a andar ante a necesidade de formar profesionais especializados en eidos nos que non existían titulacións idóneas, circunstancia que na actualidade xa non se produce.
  • Na última convocatoria de oposición publicada en xaneiro de 2024 prodúcese un cambio moi importante xa que por primeira vez unha convocatoria de prazas recolle concretamente á denominación da especialidade como “educador/a social”
  • Son varias as CCAA que xa adoitaron esta medida de recoñecemento para esta escala, e no eido privado xa se está a esixir a titulación de educación social.
  • A Administración debe velar por dar unha atención pública de calidade á cidadanía, especialmente cando se trata da atención a usuarios en situacións de especial vulnerabilidade social, precisando polo tanto persoal especializado que poda dar cumprida e profesional resposta ás súas especiais necesidades.
  • Nos últimos anos publicáronse varias convocatorias (DOG nº 211 do mércores, 6 de novembro de 2019: 86 prazas, DOG nº 245 do martes, 27 de decembro de 2022: 5 prazas e DOG nº 20 do luns, 29 de xaneiro de 2024: 21 prazas) cun total de 112 prazas nas que as persoas con outras titulacións, que ata agora permitiron o acceso á profesión, puideron acceder a esa escala.

Somos conscientes de que isto pode supor que persoas con titulación do eido social como diplomados/as en maxisterio, pedagoxía ou traballo social, así como licenciados/as en psicoloxía que ata agora puideron participar nos procesos selectivos desta categoría veranse prexudicados/as chegado o caso, máis as liñas argumentativas anteriormente expostas parécennos suficientemente potentes para apostar por esta vía deixando claro que, de terse en conta por parte da Administración a proposta presentada, a afectación que podería ter para o persoal sería:

  • O persoal que xa sexa actualmente funcionario de carreira na escala non verá modificado en nada a súa situación.
  • Namentres non se resolva a primeira convocatoria na que o grao en Educación Social fose titulación de acceso única para a escala de Educador Social e se confeccionasen as listas de contratación temporal derivadas dese proceso, o tratamento das diferentes titulacións de acceso sería como ata o de agora, sen afectación algunha para o persoal que está traballando ou está nas listas.