A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.
O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos públicos, dado que afecta á calidade do servizo ao eliminar a programación educativa, as xuntanzas coas familias, a preparación dos materiais e as avaliacións de resultados, que son vitais para o desenvolvemento educativo das crianzas de 0 a 3 anos.
Nese senso, as instrucións da Dirección da Axencia e da Xerencia do Consorcio son claras: nada de proxecto educativo, só tempo de atención directa asistencial dentro da xornada laboral.
Até o de agora, case un 6% da xornada laboral dedicábase a elaborar programacións, atender ás familias, avaliar, deseñar ambientes de aprendizaxe ou preparar materiais, entre outros, tal e como recolle o Regulamento de réxime interior das escolas infantís.
Dan a orde de programar o período de adaptación
O día 9 de abril chega ás escolas unha circular de parte do equipo de atención educativa (que depende da xerencia adxunta, servizos centrais) na que se lle ordena aos centros que se programe o proceso de familiarización (período de adaptación). Tamén se lles pide que avalíen a avolución de cada crianza e fagan os informes en tempo de atención directa. A intención da Xunta é clara: cargar sobre as costas das traballadoras a responsabilidade da calidade do servizo, sen tempo de traballo para facer as tarefas que marcan a diferenza cos centros privados.
Denuncia perante a ITSS
Dende a CIG acabamos de denunciar na Inspección de Traballo as ordes contraditorias que emite o Consorcio: o tempo de traballo é todo de atención ás crianzas e, por outro lado, danse ordes de programar o período para acoller as crianzas e familias no curso que entra.
Queremos programar, avaliar, ter reunións dos equipos, titorías, e todo o que marca a lexislación, pero con tempos habilitados para tal fin.
Acabáronse os tempos de “tempo por tempo” e se non o tes, “tempo do teu”!!
Acabouse esa práctica abusiva do Consorcio de esixir ás traballadoras tempo da súa vida persoal como se se tratase de voluntariado.