No DOG nº 229 do 30/11/2011, vén de se publicar o Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

Este decreto, que foi aprobado sen previa negociación coas organizacións sindicais, regula os requisitos para a obtención da certificación de competencias dixitais en ofimática.

No artigo 4 do decreto, disponse que a dita certificación "poderase valorar como mérito ou establecer como requisito de participación nos procesos de provisión de postos de traballo ou de selección de persoal e como base obxectiva para a promoción profesional, nos termos que estableza a normativa reguladora da función pública da Xunta de Galicia".

Isto podería ter consecuencias para o persoal subalterno que participe en procesos de promoción interna para subgrupo C2, pero tamén para calquera proceso de provisión de postos ou proceso selectivo no que se establecese a dita certificación como requisito de participación.

Cómpre salientar tamén que, ao teor do artigo 6 do decreto, esta nova certificación de competencia dixital poderá obterse de diversas maneiras, ben realizado probas convocadas para ese fin pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, validando módulos de formación profesional, ou ben superando as accións do Plan Formativo Ofimático de Galicia desenvolvidas pola Escola Galega de Administración Pública ou en colaboración desta con organismos ou entidades de formación do persoal ao servizo das administracións públicas, baixo a supervisión e o control da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Descargar o Decreto 218/2011