Na xuntanza convocada por pedimento da CIG o xoves 15/12/2011 para demandar aclaracións sobre o Decreto 218/2011 sobre competencias dixitais, a Dirección Xeral de Función Pública informou que ese departamento non tivo coñecemento da súa aprobación e comunicoulles ás organizacións sindicais que, unha vez manifestadas as súas consideracións, realizarase unha nova xuntanza o vindeiro mércores 21 de decembro para informar de todas as cuestións técnicas que implica a entrada en vigor do dito decreto.

A consecuencia da xuntanza, e constada a absoluta falta de información sobre as condicións de validación e realización das probas, a Administración resolveu ampliar o prazo de inscrición das probas libres até o día 23 de decembro de 2011 ás 15.00 h. Esta ampliación de prazo aínda non foi publicada no DOG pero xa é aplicable na páxina web da EGAP, permitindo o apartado "Zona de Matrícula" inscribirse até o día 23 e non até o día 16 de decembro como se anunciou nun principio.

En relación a se o novo certificado vai ser excluínte ou complementario da formación estándar en informática, Función Pública deunos a entender que aínda non teñen unha opinión definitiva sobre estes aspectos concretos porque o decreto non foi consultado con eles e non se vai aplicar mentres non se reformen os decretos de provisión e selección.

Atendendo á consulta manifestada pola CIG, a Dirección Xeral da Función Pública informou que as previsións do decreto sobre a certificación de competencias dixitais non se incorporarán aos procesos en negociación actualmente, non sendo de aplicación nin aos concursos previstos, nin aos procesos de selección derivados das Ofertas de Emprego Público en vigor.