Novas por contido

No DOG do 11/03/2024 publican a RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas de enxeñeiros, enxeñeiros técnicos, arquitectos, arquitectos técnicos e ciencias.

Poderá participar neste concurso:

a) O persoal funcionario de carreira dos corpos e escalas de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza que se relacionan no anexo ou análogos doutras administracións públicas, sempre e cando transcorresen dous anos desde que accedese ao posto que veña desempeñando con carácter definitivo, agás que este se provese polo sistema de libre designación, neste caso non se exixirá permanencia. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 90.2 da LEPG, para os efectos de poder participar neste concurso, o persoal funcionario de novo ingreso terá que acreditar en todo caso unha antigüidade mínima de dous anos desde o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

Ao persoal funcionario de carreira que accedese a un corpo/escala por promoción interna ou en virtude dun procedemento de integración e permanecese no posto de traballo que desempeñaba computaráselle o tempo de servizos prestados neste posto no corpo/escala de procedencia para os efectos do disposto no parágrafo anterior.

b) O persoal funcionario de carreira dos corpos e escalas de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza ou análogos doutras administracións públicas que se relacionan no anexo en situación de excedencia voluntaria por interese particular, despois de transcorrer o período mínimo de permanencia nesta situación.

c) O persoal funcionario de carreira dos corpos e escalas de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza ou análogos doutras administracións públicas en calquera situación administrativa distinta das anteriores que permita a participación no concurso de traslados de acordo coa normativa aplicable.

Están obrigados/as a participar neste concurso:

a) O persoal funcionario de carreira dos corpos e escalas de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza obxecto desta convocatoria que se encontre ao dispor do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo, de acordo co disposto no artigo 97.5 e a disposición transitoria quinta da LEPG. Deberá solicitar todos os postos de acordo coa base VI.2.

b) O persoal funcionario de carreira dos corpos e das escalas de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza obxecto desta convocatoria que se encontre adscrito por motivo de saúde ou rehabilitación a un posto de traballo en distinta localidade daquela en que teña o seu destino definitivo estará, en aplicación do disposto no artigo 89 da LEPG, obrigado a participar no concurso e debe solicitar todos os postos adecuados ao seu corpo, escala e especialidade, situados na mesma localidade do posto o que figure adscrito provisionalmente.

Presentación de solicitudes (de participación e de elección de postos):

1. Para participantes da Xunta de Galicia en servizo activo na súa escala de participación, accedendo ao Portal do Empregado no enderezo electrónico https://portax.xunta.es

2. Para os que se atopen en calquera situación distinta da referida no punto 1, incluído o persoal doutras administracións públicas, a través do portal da web corporativa da Dirección Xeral da Función Pública no enderezo electrónico https://www.xunta.gal/funcionpublica/concurso-de-traslados/

A solicitude e, de ser o caso, a documentación adicional deberá presentarse electronicamente a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galiza e ata o día 25 de marzo de 2024 incluído, e dirixirse á Dirección Xeral da Función Pública da Consellaría de Facenda e Administración Pública.

Os postos vacantes ofertados neste concurso publícanse no anexo desta resolución.

Unha vez rematado o período de presentación de solicitudes de participación, publicarase no DOG a apertura dun prazo de 15 días hábiles para a presentación de solicitudes de elección de postos de traballo.

Este é o primeiro 8 de marzo no que o persoal da Xunta de Galiza vai contar cun Plan de Igualdade aprobado pola administración da Xunta e os sindicatos CCOO, CSIF e UXT, co voto en contra da CIG

Porque votamos en contra? Porque este Plan non recolle nin un mínimo de medidas que poidan mellorar a situación das traballadoras na Xunta de Galiza; porque asinar o Plan, tal e como se fixo, é unha oportunidade perdida de adoptar unhas medidas para conseguir avances reais en igualdade; porque non se aproban apenas medidas, senón declaracións de intencións para implementar esas medidas nun futuro hipotético. Estas medidas xa deberían estar incluídas no Plan para proceder á súa aprobación, e nós non podemos asinar futuribles.

Este plan careceu dende o principio dunha obrigada análise dos postos de igual valor (programada para o segundo semestre de 2025) ou dunha auditoría retributiva (programada para o primeiro semestre de 2026). Ambas as dúas cuestións son de obrigado cumprimento para a elaboración da diagnose da situación da igualdade na Administración para despois elaborar un Plan, non a posteriori.

Neste plan hai moitas eivas:

  • Non se negociou un Protocolo de violencia de xénero nin de violencia contra o colectivo LGTB+
  • Non hai unha protección para as mulleres embarazadas que son chamadas a traballar polas listas de contratación e que están sufrindo unha discriminación polo seu estado (o SERGAS sí contempla esa especial circunstancia contratando a estas traballadoras e cubríndoas con substitucións)
  • Penalízase ás mulleres en situación de risco no embarazo ou risco durante o aleitamento e non se lles aplican durante estes periodos as subidas salariais
  • Non se negociaron novos permisos para acadar a conciliación familiar e laboral.

Por todo iso e por dignidade non asinamos esta broma sen graza mal chamada plan de igualdade; que reflicte que tanto á Xunta de Galiza como ás centrais asinantes, acadar ou non a igualdade, igual lles dá.



No DOG do 06/03/2024 publican:

- RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e o procedemento de xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma galega, escalas do Servizo de Gardacostas de Galiza (SGG).

- RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a apertura do período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e o procedemento de xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de inspectoras e inspectores de consumo, e do corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escala de axentes de inspección, especialidade de consumo, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza.

O prazo habilitado para presentar a solicitude de elección de postos de traballo e xustificar a posesión de méritos e requisitos será de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza, concretamente desde o 7 de marzo de 2024 ao 27 de marzo de 2024.

Durante o prazo indicado no punto primeiro, as persoas concursantes poderán solicitar por orde de preferencia os postos ofertados no anexo I da resolución de convocatoria, aos cales se engadirán as potenciais resultas como consecuencia das solicitudes de participación presentadas. A relación de postos ofertados en resultas publicarase na web corporativa da Dirección Xeral da Función Pública, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/ concurso-de-traslados/

A solicitude de postos de traballo deberá presentarse electronicamente, segundo o establecido na base IV de tramitación electrónica.

A base VII da convocatoria do concurso establece que os méritos e os requisitos específicos para o acceso aos postos deberán posuírse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no concurso, isto é, o 23 de febreiro de 2024, de acordo coa Resolución do 6 de febreiro de 2024.

Os méritos e os requisitos deberán acreditarse de conformidade co procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións para regular o contido, o uso e o acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galzia e das súas entidades públicas instrumentais.

As persoas concursantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos valorables no concurso a que se refire esta resolución achegarana ao seu expediente persoal electrónico, ao cal accederán a través da Canle de emprego público de Galicia (Fides), no enderezo https://fides.xunta.gal

A Dirección Xeral de Función Pública négase a meter no concurso de corpos especiais, que se vai publicar este 11 de marzo, ao persoal veterinario pero non o xustifica nin dá razóns. A consecuencia é que xa temos ata tres promocións en destino provisional e máis de 700 compañeiros e compañeiras pendentes dunha mobilidade ou dun destino definitivo que nunca chega. 

Tendo en conta que segundo manifestou o Director Xeral de  Función Pública para todos os procesos selectivos as tomas de posesión serán simultáneas e con destinos definitivos despois do concurso de traslados, non entendemos cal pode ser a razón de deixar tanto persoal atrás.

Os ruxe-ruxe de se o atranco o temos en Saúde Pública, nunha suposta amortización de postos ou que se queren valorar determinadas especialidades non é aceptable… que non amolen, se teñen que mudar algo que negocien e o solucionen xa!

Na CIG instamos unha vez máis a convocatoria do concurso de veterinarios/as e tamén da Comisión de Seguimiento do Acordo para avaliar que está a pasar e tamén activar a negociación do famoso e atascado decreto de funcións.

E sabemos que non é o unico concurso que queda pendente, quedan máis escalas dos corpos especiais atrás, demasiadas…isto de ir a cachos pequenos é un atraso para todas. A CIG defende un concurso global xa que temos prazas compartidas e non se pode quedar ninguén atrás, e de seguido IMPLANTAR O CONCURSO ABERTO E PERMANENTE como xa fan moitas administracións dende hai anos. É o máis áxil, o máis lóxico e o máis xusto.

A Dirección Xeral de Función Pública comunicounos que o vindeiros venres, día 6 de marzo, publicarán en DOG as resolucións polas que se abre o período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e o procedemento da xustificación da posesión de méritos e requisitos dos concursos ordinarios de traslados das escalas do Servizo de Gardacostas de Galiza e da especialidade de consumo (escala de axentes de inspección).

No DOG do 04/03/2024 publican unha modificación da Resolución que abre o período de presentación de solicitudes de elección de postos de traballo e o procedemento da xustificación da posesión de méritos e requisitos do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de corpos e escalas de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, escalas de axentes facultativos ambientais e axentes forestais.

Esta Resolución o que fai é indicar como é o procedemento para alegar ante a falta dalgún período da súa experiencia profesional interna na Xunta.

No DOG do 01/03/2024 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 29 de febreiro de 2024 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución o persoal empregado público destinado na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, nas entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza, e na Administración institucional, que se encontre en situación de servizo activo (incluído o persoal que teña concedido un permiso por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral) e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco.

Os criterios de selección que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 10 de maio de 2023 (DOG núm. 96, do 23 de maio); corrección de erros (DOG núm. 130, do 10 de xullo, e DOG núm. 148, do 4 de agosto), sen prexuízo dos criterios específicos establecidos na epígrafe «Persoal destinatario» de cada actividade formativa incluída no anexo II desta resolución.

Logo das queixas da CIG ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural, achéganos a seguinte información :

As persoas que non se poidan presentar á proba física por causas de saúde deben achegar un escrito coa xustificación que acredite ese impedimento. Unha vez finalizado o problema valorarase a repetición da proba a esas persoas, no seu caso.

As persoas da lista de emisorista non foron convocados á proba visual porque coa actual normativa non se lle pode esixir ás persoas da lista de persoal laboral que superen unha proba visual. Non obstante para ocupar unha praza de persoal funcionario da escala emisorista-vixilante é necesario acreditar a superación da dita proba.

Tendo en conta o anterior as persoas que sexan seleccionadas da lista de emisorista para ocupar unha praza da escala de vixilante-emisorista, con carácter previo á toma de posesión realizaraselle a correspondente proba visual. No caso de ser seleccionados para ocupar unha praza de persoal laboral non lle será esixida a dita proba.

Persoas que solicitan cambio de ámbito: Na Xestión ordinaria de listas no mes de xaneiro abrese o prazo para que as persoas que están en Xestión poidan solicitar o cambio de ámbito, que entra en vigor o 1 de marzo. Unha vez revisadas as ditas solicitudes comprobouse que hai un total de 31 persoas que solicitan a incorporación a un dos ámbitos no que existen prazas que teñen como requisito o Pack Test. Tendo en conta o anterior incluíronse na convocatoria do PACK Test a esas persoas para o día 13/03/2024 as 14:00 horas, (todas estaban convocadas para o Field Test), xa foron avisadas por teléfono. Achegase o listado das persoas.

Esto do que informamos é unicamente un pequeno arranxo puntual, o que compre é que saquen xa dunha vez as listas das escalas funcionariais do SPIF.

Dende a CIG presentamos queixa polo cambio de criterio repentino para a realización das probas físicas do persoal que está nas listas de contratación e os problemas que supón non ter ainda funcionarizadas as listaxes cando os postos do SPIF xa o están. 

Lembramos que nestas categorias ao funcionarizarse mudaron os requisitos de acceso e que outras se refundaron nunha como é o caso de vixiante-emisorista o que fai aínda mais inentendible que non se creen as listas de agarda funcionariais. 

PROBLEMAS DENUNCIADOS: 

  1. Non se poden cubrir postos de funcionario/a con listas de agarda de categorías laborais, iso cae de caixón, pero neste caso ademais cambian os requisitos de acceso, de titulación, de probas de acceso como a de agudeza visual ou a proba física. Seguir neste camiño é seguir acumulando chapuzas ilegais.
  2. Se os postos están funcionarizados non poden seguir criterios inventados como a orixe do posto. Ten que ser para esa escala cos requisitos da escala e o ámbito e funcións. Polo tanto se necesita unha nova lista, un exemplo clarísimo témolo na escala de vixiante-emisorista que refundiu duas categorías.
  3. E que pasa coa nota das oposicións recentes, onde a meten? Non van a actualizar os puntos segundo os ultimos procesos? É un despropósito.
  4. Para máis van facer os cambios de ámbitos que se abriron en xaneiro…a man? nestas listas laborais? 

AS NOVAS PROBAS FÍSICAS MASIVAS 

  1. Non se negociou o criterio, cambian unilateralmente e sen aviso previo o de facer as probas so as persoas segundo os chamamentos pola das listaxes. Desta forma aumentase moito o custe pero pretenden máis rapidez ao hora de chamar para substitucións, etc. A cuestión é que a moitas persoas colleunas desprevenidas, de viaxe ou noutros empregos, ou sen ter a documentación preparada.
  2. O certificado médico non se pode presentar en 5 días xa que o tempo medio para unha cita de atención primaria é de 15 días.. Ten que ir a desesperada a buscar nun sicotécnico para que che fagan un recoñecemento médico non é serio, o médico de cabecera é o que ten o historial completo e non estamos de acordo con beneficiar á privada a costa da necesidade das persoas que aspiran a un emprego público.  Teñen que ampliar o prazo e buscar unha solución como entregalo ao ser chamado.

No DOG do 29/02/2024 publican a RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda o peche e a apertura de determinadas listas para a incorporación de novas solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza e o nomeamento de persoal funcionario interino correspondente a determinados grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades.

Pechan a incorporación de novas solicitudes de inclusión nas listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades que se indican no anexo I.

Reabren as listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades que se indican no anexo II.

Relacionan as listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades que están abertas e nas cales as persoas interesadas poderán presentar solicitude de inclusión no período comprendido entre o 1 de marzo e o 30 de abril deste ano (anexo III).

Relacionan as listas correspondentes aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades pechadas e nas cales soamente se poderán inscribir aquelas persoas que, para a lista correspondente, superasen algunha proba do último proceso selectivo do grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade, ou prestasen servizos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que teñan publicadas relacións de postos de traballo para a lista correspondente a ese grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade (anexo IV).

Nas listas pechadas tamén poderán presentar solicitude as persoas que prestasen servizos en categorías profesionais laborais equivalentes aos corpos ou escalas de persoal funcionario que figuran no anexo I da Resolución da Dirección Xeral da Función Pública, do 11 de outubro de 2021 (DOG núm. 200, do 18 de outubro), segundo o estipulado no anexo II da devandita resolución; as persoas que prestasen servizos en categorías profesionais laborais equivalentes aos corpos e escalas de persoal funcionario do anexo I da Resolución da Dirección Xeral da Función Pública, do 6 de outubro de 2021 (DOG núm. 195, do 8 de outubro), e as persoas que prestasen servizos en categorías profesionais laborais equivalentes á escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpeza e cociña da agrupación profesional da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, segundo o estipulado no anexo I da Resolución do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 75, do 13 de abril), sempre que estes servizos fosen prestados no ámbito de aplicación do artigo 1 do Decreto 37/2006, na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza ou en entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que teñan publicadas relacións de postos de traballo, sen prexuízo do establecido no artigo 6.3 da Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG núm. 145, do 30 de xullo). Para estes efectos, a categoría profesional laboral 6 (educador/a) do grupo II é equivalente á escala técnica de facultativos, especialidade educadores, de acordo co establecido na disposición transitoria segunda da Orde do 20 de xullo de 2021.

Outras novas recentes

Venres, 12 Abril 2024

Recurso de reposición ao concurso ordinario de traslados de ciencias+enxeñarías+arquitectura

A CIG presentou un recurso de reposición á Resolución que convocou o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes de escalas de enxeñarías, arquitectura, arquitectura técnica e ciencias (administración especial). No recurso solicitamos unha relación das prazas que desapareceron do concurso, con información polo miudo de cada unha delas. Tamén da...
Venres, 19 Abril 2024

RPT de funcionarización de varios postos dos grupos III e IV

De cara a unha vindeira mesa de negociación, a Dirección Xeral da Función Pública vén de remitirnos unha proposta de modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de postos de persoal laboral da Xunta de Galicia, no corpo de técnicos de carácter facultativo da administración especial (grupo B), no corpo administrativo da administración...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...