Novas por contido

Recibimos aviso da Dirección Xeral de Función Pública de que o Fondo de Acción Social (FAS) do ano 2022 será publicado no DOG do venres 28/04/23. O prazo comezará o día 2 de maio e rematará o 15 de maio, ámboslos dous inclusive.

O FAS-2022 só recolle a axuda para a atención de persoas con discapacidade.

No DOG do 26/04/2023 publican a Orde pola que se regula o procedemento para o nomeamento como persoal funcionario de carreira do persoal laboral fixo das categorías V-001 e V-011 (limpeza e cociña), que superou o proceso de funcionarización convocado pola Resolución do 12 de maio de 2021.

1. O persoal laboral fixo (que figura no anexo II da corrección de erros publicado do DOG do 27/04/23), deberá asinar un acordo de extinción do contrato de traballo. Os efectos administrativos da sinatura deste acordo de extinción serán o 30/04/2023. A extinción quedará condicionada á efectiva toma de posesión como persoal funcionario de carreira.

2. Os efectos administrativos da toma de posesión como persoal funcionario de carreira, serán do 1 de maio de 2023 (excepto no caso de permisos, licenzas ou incapacidade temporal e incapacidade permanente con reserva de posto). No caso de vacacións, permisos ou licenzas, o prazo para a sinatura do acordo de extinción comezará a contar desde a súa finalización; o día da toma de posesión será o seguinte hábil ao da sinatura do dito acordo. Nos supostos de incapacidade temporal ou incapacidade permanente con reserva de posto, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta ou reincorporación. Quedan exceptuados do disposto no parágrafo anterior as situacións derivadas da maternidade ou paternidade.

3. O incumprimento dos prazos antes indicados, agás as causas de forza maior debidamente acreditadas e apreciadas pola Dirección Xeral da Función Pública, implicará o desestimento da funcionarización e que continúa como laboral.

4. O/a traballador/a conservará a situación administrativa que teña recoñecida noutras categorías laborais antes da adquisición da súa condición de persoal funcionario de carreira.

5. O persoal que se funcionarice seguirá percibindo en concepto de antigüidade a mesma cantidade que estaba percibindo como laboral fixo nun concepto na nómina á marxe do complemento de funcionarización-persoal. O primeiro trienio que se perfeccione como funcionario non terá unha contía inferior ao que se percibiría como laboral.

6.- O persoal que no momento da toma de posesión se atope en adscrición temporal poderá continuar prestando servizos nese mesmo posto mediante unha comisión de servizos, sempre que o posto da adscrición temporal tamén sexa obxecto de transformación en posto de persoal funcionario.

O 25 de abril tivo lugar unha xuntanza da Comisión de Persoal na que se trataron os seguintes asuntos: 1) RPT de Sanidade; 2) RPT do IGE. Dentro do punto de Rogos e preguntas, tratamos os seguintes asuntos (algúns sen resposta): pluses AGACAL, concursos de traslados, xornada de 35 horas, proceso selectivo gardacostas, prazas acumuladas ao proceso extraordinario por concurso de méritos, situación do persoal en destino provisional de camareiro-limpador, prazas a ofertar a aux. de enfermaría, orientadores de emprego e carreira profesional GAIN.

MODIFICACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DO IGE

O Instituto Galego de Estatística crea unha sección (A1/A2 das escalas de estatística, nivel 25) que financia coa amortización de dous postos de auxiliares administrativos (C2, nivel 12). Por tanto existe unha destrución neta de emprego público.

Xustifican que os postos que amortizan, en servizos centrais, non se cobren. Mesmo tiveron a cara dura de afirmar que un deles nunca se ocupou porque o seu titular SEMPRE ESTIVO EN OURENSE, ás agachadas, claro. E as persoas responsábeis do IGE, tan tranquilos, non dan explicacións ás esixencias da CIG (e os demais sindicatos). Non van rodar cabezas? Parece que non, que están moi duras e ben asentadas.

A CIG esixe medidas disciplinares para as persoas que permitiron a situación irregular, e para as persoas superiores que non tomaron medidas para impedilo.

Voto: CIG en contra, CCOO a favor, CSIF a favor, UGT a favor.

MODIFICACIÓN DA RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DE SANIDADE

Na Comisión de Persoal do 25/04/23 aprobouse unha proposta de modificación da RPT da consellería de Sanidade. Queda pendente unha modificación maior da parte que afecta á Dirección Xeral de Saúde Pública.

O primeiro que temos que dicir é que alguén está a facer as cousas moi mal cando en abril de 2023 traen unha proposta para adaptar a RPT a unha estrutura orgánica que é do ano 2019. E cando por fin deciden traelo, non teñen a deferencia a escoitar aos sindicatos, ata última hora, cando si deron explicacións.

A proposta implica unha clara destrución de emprego público.

  • Hai un saldo negativo de postos: destrúen máis que crean. Basicamente destrúen emprego por abaixo para crear por enriba.

  • Amortizan postos de persoal funcionario das áreas sanitarias etiquetados previamente como “cando vacante converter en estatutario”. Supostamente os postos xa estaban vacantes, sen dotación económica. Pero non dan garantías de se estes postos públicos van continuar existindo aínda que sexan como persoal estatutario ou se os van utilizar para financiar outras cuestións.

Sanidade continúa coa “tradición” (sic) de abrir numerosos postos a persoal estatutario, estado, outras comunidades autónomas, INP, ISM, etc. Moitos sen reciprocidade. E despois quéixanse de que non hai persoal asistencial sanitario cando o traen para tarefas administrativas.

  • Resúltanos incomprensible que nalgúns postos permitan a cobertura mediante persoal estatutario e non por persoal funcionario coa mesma titulación académica. É o caso do persoal funcionario das escalas sanitarias, que ten bloqueado o acceso a postos que si poden ser cubertos por persoal estatutario da mesma titulación.

  • Como a maioría son postos de nivel alto, están a reducir as posibilidades de promoción ao persoal funcionario.

  • Sanidade demostra que non confía no seu propio persoal para os postos de responsabilidade e ten que traelo de fora.

A consellería continúa a estar chea de postos de Concurso Específico, unha forma de acceso coa que provisionan numerosos postos, pero que nunca convocan (é dicir, sempre son ocupados en comisión de servizos).

Sanidade leva anos destruíndo documentación de maneira incontrolada; custodian un dos arquivos máis numerosos da Xunta (máis de 6 km lineais de documentación); acoden frecuentemente a contratas externas para a xestión documental; detraen cartos públicos dunha tarefa que debería ser levada a cabo por técnicos cualificados; están pondo en mans privadas datos especialmente protexidos .. A Consellería está a incumprir coa Lei de arquivos e documentos, polo que demandamos a creación do arquivo como centro de destino diferenciado e a dotación do persoal suficiente correspondente.

Preguntamos polas tarefas de condución do persoal subalterno: ao existir persoal con funcións propias de condución, solicitamos explicación das tarefas que realiza este persoal para asegurarnos de que non se trata de persoal condutor a baixo custe.

No caso do persoal subalterno do laboratorio de Lugo afirmamos que é inaceptable que poñan na memoria funcional as “pequenas tarefas de mantemento” que lle asignan. Lembrámoslle que o persoal subalterno non ten encomendadas tarefas de mantemento. Si son cousas “pequenas”, pode facelas calquera persoa con boa vontade, pero non asignalas obrigatoriamente ao persoal subalterno.

Recoñecen que a xefatura de “servizo central de prevención de riscos laborais” debería ser cuberta por persoas das escalas de saúde laboral ou seguridade e saúde no traballo, pero teiman en cubrila con “xeral/estatutario-sergas/lei 17”.

Os catro sindicatos (CIG, CCOO, CSIF, UGT) votamos en contra.

ROGOS E PREGUNTAS

Pluses Agacal: a CIG rexeita a pretensión do ente, e preguntamos que van facer coa proposta. DXFP: estamos tramitando rpts de funcionarización. Esta semana debería estar publicada a do grupo V. No vindeiro mes negociaremos a de MR de funcionarización. E despois iremos ao que queda, onde van categorías do agacal. Por tanto primeiro vai a rpt de funcionarización, e se hai que facer algo máis xa se fará noutro momento.

Concursos de traslados. Preguntamos pola previsión? DXFP: sen resposta.

Xornada de 35 horas. Preguntamos cando vamos a sentarnos a negociar. DXFP: “agora non toca, aínda que si toca con algúns sectores afectados”.

Proceso selectivo de gardacostas: preguntamos por cando sae o baremo definitivo? DXFP: preguntará.

Informa o DXFP que van a subir ao web a información de prazas non cubertas en procesos selectivos de estabilización que van a acumularse aos procesos extraordinarios de estabilización mediante concurso de méritos. Algunhas xa estaban incorporadas á oferta extraordinaria (e que retirarían se se cubrían), outras non. Estes son os números que ofrece:

  • Corpo superior A1: 142 na caixa de postos, xa incorporadas 167 (35 desertas), de laboral I-4 quedaron 30 desertas que se incorporan. Quedan para concurso: 207 prazas.
  • Especialidade mediciña: eran 8, quedou 1 sen cubrir de titulado superior médio (I-2), quedan 9 prazas.
  • Corpo de xestión-A2: na categoría II-7 tiñan 21 prazas, das que quedaron 5 desertas, que xa estaban incorporadas. Quedan 71 prazas.
  • Corpo auxiliar administrativo-C2: en categoría V-1 quedaron sen cubrir 22 prazas, quedan 208 prazas.

Persoal camareiro-limpador en destino provisional coas prazas xa funcionarizadas. Previsión? DXFP: sobre maio/xuño traerán a súa funcionarización.

Criterios para prazas ofrecidas a aux.enfermería para destino? DXFP: serán criterios similares aos habituais.

Orientadores de emprego. DXFP: nos vindeiros días falará coa consellería e respostará.

Carreira profesional GAIN xa remitida aos sindicatos. Previsión? DXFP: mirarán as alegacións que xa remitimos todos os sindicatos e intentarán a semana que ven contestar e reunirse despois.

O director xeral de Función Pública informou da retirada da proposta de pluses que implicaba a redución de dereitos para o persoal de campo e de laboratorio

Na Comisión de Persoal do martes 25 de abril, o director xeral de Función Pública (DXFP) respondeu á demanda da CIG comunicando a retirada da proposta de modificación de pluses de Agacal. O argumento para o director está claro: non ten sentido que Agacal toque os pluses cando en pouco tempo vamos a sentarnos a modificar a RPT polo proceso de funcionarización.

Concretamente, o DXFP dixo que no vindeiro mes negociariamos a Relación de Postos de Traballo (RPT) de funcionarización de Medio Rural, e despois iriamos ao que quedara, onde van as categorías do Agacal. Así que por agora, non se van tocar os pluses.

A comunicación do DXFP chega despois da xuntanza á que asistimos con Agacal o pasado 17 de abril, e despois da celebración de asambleas co persoal, e da convocatoria de mobilizacións no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

A XUNTANZA CO XERENTE DE AGACAL DO DÍA 17/04/23

O xerente atrevérase a poñer enriba da mesa na xuntanza do día 17 o que xa temíamos fai tempo: a redución xeneralizada de pluses. Os argumentos empregados son parciais. A análise de funcións e de categorías que fixo foi.. inventada.

Tamén foi inventada a análise dos riscos. Mesmo afirmou que fixera consultas co servizo de prevención da Xunta pero non fomos quen de conseguir que concretase a consulta.

A postura da CIG foi sempre clara: recoñecemento dos pluses de penosidade, perigosidade e toxicidade a todo o persoal de campo e laboratorio, a excepción da toxicidade se demostran (e non o fixeron) que a retirada de tóxicos nalgún dos centros é total e permanente.

A rectificación do xerente ante o aviso da avalancha de demandas ás que se enfrontaría pola retirada de pluses recoñecidos por sentenza xudicial foi que se manterían as contías dos pluses ao persoal que os conseguiu por sentenza mentres se manteñan nese posto de traballo, pero que se aplicarían os recortes en canto o persoal se mova da praza ou xubile.

Curiosamente, CCOO validaba a proposta, coa única diferencia de que terían que manter as retribucións ao persoal que actualmente cobra pluses, sexa ou non por sentenza. O xefe de persoal de medio rural puntualizou ademais que de non ser así entrariamos nunha modificación substancial das condicións de traballo.

Dende a CIG pelexamos porque se nos recoñeza un lexítimo dereito e non unhas esmolas. O martes 18 tivemos unha asemblea no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e noutros centros, e atopamos a unha inmensa maioría do persoal enfadado, ofendido e con ganas de pelexar. Acordamos convocar unha concentración o próximo xoves 27 de abril no CIAM.

O que necesitamos é negociar para ampliar pluses para o persoal do Agacal e en ningun caso negociar para retirar. E lembramos que o persoal de campo segue sen eles, a pesar do recoñecemento xudicial e das avaliacions de riscos laborais ode se detectan riscos tóxicos, perigosos e tarefas con penosidade; como se van funcionarizar estes postos?

Finalmente, tras a presión sindical e do persoal, a Administración retira a proposta do Agacal. Pero na CIG sabemos que era un desmadre máis do bruto do xerente, pero que responde a estratexia da Administración de reducir ao máximo os pluses para non levalos as RPT de funcionarización. 

O SERGAS establece as 35h semanais para o seu persoal a partir do 2025. E para o persoal dos corpos xerais e especiais da Administración Xeral, que?

A Comunidade de Madrid, a Generalitat de Catalunya e, como non! a Xunta de Galiza son as tres administracións públicas que aínda non teñen implantada a xornada de 35 horas semanais para o seu persoal empregado público.

Nós, sempre á cola, sempre a rastro, sempre os últimos, así é a Función Pública Galega. Comunidades autonómas como Murcia e Castela e León veñen de chegar a acordos para reducir a xornada semanal e implantar unha mellora para o conxunto do persoal público.

A redución de xornada non é un “capricho do funcionariado”, no ámbito privado xa hai medidas que fomentan unha tendencia a redución de xornada, á implantación de obxectivos e á conciliación familiar sen deixar de lado a produtividade. Nomeadamente o goberno central aprobou este mes de abril unha serie de axudas para reducir a catro xornadas semanais sen tocar salarios, destacando os beneficios para a redución do consumo enerxético aumentando os beneficios sociais e a produtividade. Será unha conquista social máis, como foron no seu día as vacacións, non traballar sete días á semana, a prohibición do traballo infantil, etc. O que agora alguén pode vender como un privilexio non deixará de ser outro dereito laboral.

E que pasa na Xunta de Galiza?

Para o persoal dos corpos xerais e especiais da Administración Xeral da Xunta de Galiza a redución de xornada ás 35h estaba no 2018 na mesa de negociación de medidas para a mellora do emprego público e das condicións de traballo, que logo quedou descafeinado e no esquecemento xa que no Acordo de concertación do emprego público de Galiza ficou nun simple compromiso que sinalaba que a administración presentaría no primeiro trimestre de 2019 unha proposta para o desenvolvemento dun plan para o establecemento doutras xornadas anuais inferiores para o persoal con xornadas a quendas, nocturnas ou especialmente penosas. Pero todo quedou noutra promesa incumprida da Direccion Xeral da Función Pública e nin os asinantes (CCOO e UGT) foron quen de reclamalo.

O acordo que vén de asinar o SERGAS coas organizacións sindicais, recolle unha redución paulatina de 112 horas sobre a xornada de 37,5 horas, equivalente ás 35 horas semanais que se implantará durante os anos 2023, 2024 até alcanzar a totalidade da redución durante o ano 2025. Podemos collelo como unha base para comezar a falar, xa están tardando.

35 horas semanais, xa!

Por unha atención á cidadanía “de calidade e sen discriminación”, mañá mércores 26 de abril ás 11 horas está prevista unha nova mobilización da CIG, neste ocasión diante da delegación do goberno na Coruña

Coa escusa conxunta da transformación dixital e a cita previa, a parte máis vulnerable da cidadanía está a ser expulsada sen pudor das nosas administracións e servizos públicos.

O primeiro paso para ser atendido polas administracións, o acceso a unha cita, supón dificultades porque nin todo o mundo usa internet, nin o público xeral ten acceso á linguaxe técnica, nin é doada a comunicación con máquinas en lugar de con persoas, a maiores que, en moitos casos, supón un custo económico para algúns sectores da sociedade que, por diversas causas, como idade, formación ou dispoñibilidade de medios técnicos, só poden acceder aos servizos públicos se contan coa axuda de familiares ou pagando a asesorías pola realización de tarefas que corresponden recibir das administracións e do seu persoal.

Na CIG levamos anos denunciando que estamos asistindo a unha inquietante conxunción de desmantelamento e privatización de servizos e a un proceso de dixitalización e dificultades de acceso físico aos organismos para realizar trámites que están a provocar un distanciamento nunca visto da administración coa cidadanía.
Esta situación vese agravada pola conxelación de ofertas de emprego público e o mantemento da taxa de reposición de efectivos, o que está a provocar unha situación de falta de persoal nas administracións públicas, afondando aínda máis no problema actual da atención presencial.

Dende a CIG reclamamos a recuperación da atención presencial sen cita previa para as persoas que o precisen, unha xestión de ratios de cita previa que se axusten á demanda e non supoñan un retraso de semanas, posibilidade de xestionar a cita previa de forma presencial; eliminación da obrigatoriedade para a cidadanía de realizar ningún trámite de forma electrónica exclusivamente; cobertura 100% das vacantes; incremento das prazas nas ofertas de emprego e axilidade na súa cobertura; creación de postos de atención telemática á cidadanía; formación en aptitude dixital ao persoal público e á cidadanía; simplificación da administración electrónica e unificación dos trámites e da linguaxe nos portais electrónicos e interoperabilidade efectiva entre as administracións para non exixir documentos que xa estean en poder da administración.

 

O director xeral de Función Pública convocounos a unha xuntanza da Comisión de Persoal que será o martes 25/04/23, coa seguinte Orde do día:

1. Relación de Postos de Traballo de Sanidade. Descargar

2. Relación de Postos de Traballo do Instituto Galego de Estatística (IGE). Descargar

O día anterior, luns 24, estamos convocados a unha xuntanza previa para tratar a RPT de Sanidade. 

A páxina www.escolasinfantisdegalicia.es aloxaba os blogues, o portal de formación, etc. da rede de Escolas Infantís de xestión pública, Galiña Azul, de cero a tres anos

A páxina era una ferramenta imprescindible para o traballo colaborativo dos centros. Os blogues permitían ás escolas o traballo en equipo do profesorado, o traballo colaborativo entre escolas, o intercambio de información coas familias, potenciaba a relación familia/escola, favorecía a reflexión pedagóxica e a avaliación do traballo desenvolvido, etc.

A páxina, ademais aloxaba outros contidos de moito interese para a formación do persoal, como artigos de análise e innovación pedagóxica.

O peche desta ferramenta virtual invisibiliza o traballo desenvolvido dende hai quince anos e a perda documental das escolas infantís da rede pública. Pérdense para uso público recursos que se puxeron a disposición das familias e dos cadros de persoal, principalmente durante a pandemia, coa colaboración de persoas de grande relevancia no eido da innovación pedagóxica.

Dende o Consorcio indican que nos blogues participaban una baixa porcentaxe de escolas subindo contidos, pero o certo é que o persoal dos centros si que consultaba os contidos. Por outro lado, dende o Consorcio, non se promocionaba nin fomentaba o uso desta ferramenta, deixando esmorecer á posta o servizo.

Tendo en conta que o marco lexislativo educativo está cheo de referencias ao traballo colaborativo, ao uso das novas tecnoloxías e á necesidade de empregar ferramentas de avaliación, non se entende este peche máis que dende a perspectiva de controlar e censurar a información sobre a calidade da educación que se desenvolve nas escolas infantís da rede pública, ademais do intercambio entre as profesionais, e da liberdade de cátedra.

Comezaron coa xestión privada de novas escolas infantís, seguiron coa dopaxe aos centros privados coa gratuidade sen ter en conta os niveis de renda, e seguen coa invisibilidade pública da calidade das escolas de xestión propia da Xunta.

Está no ADN do partido que está a gobernar.

Dende a CIG esiximos que se restaure a páxina http://www.escolasinfantisdegalicia.es

O mércores 19 de abril de 2023, tivemos a primeira Comisión de Seguimento dende o ano 2019 para a vixilancia do réxime de prestacións de servizos e horarios. A esta Comisión de Seguimento acudiron a Xefa de Persoal, a Vicesecretaria Xeral o Subdirector Xeral de Gardacostas e o Xefe de Servizo de Protección de Recursos.

1. Seguimento do réxime de prestación de servizos e horarios.

Destacamos que non remiten as carteleiras dende o ano 2019, incumprindo o acordo polo que deben pasar para vixilancia un mes antes da sua aplicación. Por parte da Administración comprometéronse en envialas de novo.

Na CIG denunciamos a posibilidade de que se estean a facer carteleiras ficticias xa que na realidade os servizos son ben diferentes. Tamén destacamos a falta de equilibrio entre o persoal. Aínda que dixeron que era por dúas causas: a das ausencias do persoal polo motivo que sexa ou da organización do servizo. Está claro que ten moito que ver a falla de cobertura áxil de vacantes, non vacantes, baixas, permisos etc.

Proponse á consellería que soliciten aplicar un sistema na xestión das listas áxil como nos centros de Educación ou centros de Política Social (tárdase apenas un día).

A Administración vai enviar unha proposta para intentar regular as causas polas que se pode adaptar o calendario. Tamén quedaron en enviar unha proposta para definir os postos que deben ter un réxime horario diferente xa que non vale a escusa de que están por teléfono: se cobramos igual os servizos teñen que ser equitativos.

2. RPT do servizo de gardacostas

Logo da creación de prazas para reforzar as bases de Ferrol e Portosín na última modificación da relación de postos de traballo (coa amortización doutras), ofertaron en Comisión de Servizos estas novas prazas: temos de prazo ata o día 21. As que non se cubran en comisión tirarán de listas de contratación con persoal interino. Ademais dende a CIG reclamamos que se teñen que cubrir as non vacantes que se xeran pola cobertura en comisión de servizos, de non facerse suporía unha mingua de persoal nas bases de orixe.

Cobertura de vacantes: Levamos a vosa queixa da falta de coberturas que sobrecarga a outros compañeiros que incluso teñen que suplir outros postos para poder saír ou que simplemente non pode saír a embarcación: un prexuízo inaceptable para o servizo público, deben cubrise as prazas xa!!

3. Segunda actividade

As prazas para segunda actividade son insuficientes (4 para todo o País) e non cumpren o 5% previsto no decreto nin na lei de creación do servizo. Solicitamos unha para cada base e a sua cobertura inmediata, xa que están reguladas e que como moito deberiamos falar de funcións.

A consellería dixo que ía tramitar xa un concurso para esas prazas (as 4 que están na RPT), pero que co tempo que leva o trámite veremos se as teremos cubertas para antes de que remate o 2023.

Púxose enriba da mesa a cuestión das persoas que ten adaptación de funcións por razón de saúde. Entendemos que é un problema independente e que non se resolve coa segunda actividade, xa que a nosa segunda actividade é exclusivamente por razón de idade (non de saúde). Debe tratarse no Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

Lembramos que na segunda actividade non hai mingua retributiva e que se pode estar a dar a entender que si que a hai (interesadamente) e pode ser esta a razón de que non haxa persoas que a estean a demandar (segundo di a Consellería).

A Consellería de Medio Rural despois de varios anos ás voltas avanza a intención de separar ao persoal técnico e axente entre as direccións xerais de Planificación e Ordenación forestal (DXPOF) e a de Defensa do Monte (DXDM)

O pasado venres día 14 de abril tivemos unha primeira xuntanza onde o secretario xeral técnico (SXT) da Consellería de Medio Rural informounos moi por enriba deste cambio complexo que supón unha modificación substancial das condicións de traballo de parte do persoal axente e técnico. A CIG critica a falta de actitude negociadora por parte da Consellería, posto que solicitamos diversas reunións co secretario xeral técnico e non tivemos resposta.

A información que se nos facilitou foi “escasa” e seguen quedando unha chea de dúbidas sen aclarar. Dende a CIG manifestamos que unha negociación deste calado require dun coñecemento de tódalas cuestións básicas con carácter previo, pero a resposta da SXT foi que esta reunión non tiña carácter negociador, senón que se trataba dunha reunión informativa. Dende a CIG manifestamos que terían que remitirnos un documento para o proceso de negociación deste asunto que recollera alomenos as seguintes cuestións:

  • Repercusión económica dos postos.
  • Condicións de traballo onde se especifique o ámbito territorial, o ámbito funcional, a carga de traballo que quedaría neses postos e os horarios.
  • Situación de mobilidade dos postos así como a súa forma de provisión, se se vai realizar por concurso ou por unha adxudicación provisional.

As únicas cuestións que se nos trasladaron foron as seguintes:

  • Un 60% do persoal dependería da DXDM e un 40% da DXPOF. A distribución en números sería a seguinte:

    • Dependerían da DXDM entre 40 e 50 técnicos/as e entre 230 e 240 axentes.
    • E da DXPOF entre 31 e 41 técnicos/as e entre 130 e 140 axentes.

Neste apartado solicitamos que se nos aclare de onde saen os números do reparto de traballadores/as e expoñemos que a división proposta supón a necesidade de ter diñeiro dispoñible do Capítulo I pois os/as traballadores/as son escasos e unha especialización leva aparellada a necesidade de máis persoal.

  • En canto ás retribucións:
    • O persoal técnico deixaría de cobrar a produtividade das gardas e o complemento específico diferencial.
    • O persoal axente si mantería o complemento específico diferencial cobrando coma na Consellería de Medio Ambiente.
  • O persoal técnico que pase a depender da DXPOF prestará servizos de luns a venres de 8 a 15 horas

Pero a maiores desta información, seguimos sen coñecer cuestións básicas que afectarían a este proceso e por parte da Consellería non parece que teñan moita intención de aclarárnolas:

  1. Con respecto aos horarios do persoal axente, o mantemento do importe do complemento específico supón a posibilidade de realizar quendas de tarde ou horario partido, pero sen concretar nada mais específico (se se van realizar gardas en determinadas épocas ou se vai prestar servizos ocasionais en fins de semana).
  2. Non se nos aclara nada sobre a reordenación territorial e as cargas de traballo que obviamente vai implicar esta proposta.

O que si van facer é unha sondaxe entre o persoal afectado para ver cantas persoas quererían ir voluntariamente para cada dirección xeral. Por este motivo, remitiranlle ao persoal técnico e axente unha enquisa nominativa, de participación voluntaria e non vinculante, onde incluirán tanto a dirección xeral de adscrición de preferencia como a localización de prestación de servizos.

A CIG non aceptará unha enquisa na que non se aclare todo o solicitado na reunión. O secretario xeral informa que enviaran a enquisa ás organizacións sindicais e que dará un prazo para alegar.

Se pola vía da “voluntariedade” non cadran os números, pretenden facelo igualmente e aplicarían outros criterios que a día de hoxe descoñecemos.

Na CIG consideramos que calquera enquisa que se propoña debe incluír toda a información relevante que faga que o persoal poida manifestar a súa opinión coñecendo tódolos pros e contras, tanto no referente ás remuneracións, como do lugar e ámbito de prestación de servizos, das funcións a desenvolver e dos horarios a realizar.

Ademais, queremos lembrarlle á Consellería que calquera cuestión que se relacione coas condicións de traballo do persoal da administración galega ten que respectar os acordos vixentes, a normativa actual e seguir as canles e procedementos negociais regulamentados. Calquera outro proceder sería inadmisible e recordamos que non aceptaremos ningunha diminución nin perda de dereitos xa consolidados tanto no acordo do persoal técnico como no de axentes.

Rematada a xuntanza, consideramos que foi unha reunión baleira de contido e sen achega de ningunha información que non estivera no sucinto documento achegado ese mesmo día.

Quedamos á espera de recibir o modelo de enquisa que nos vai facilitar a Consellería para que poidas facernos chegar as túas achegas.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...
Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...