Novas por contido

Estamos convocados para o luns 19 á Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos e Comisión de Persoal, nas que se van tratar os temarios e as convocatorias dos procesos de estabilización derivados da Lei 20/2021, e as ofertas de emprego público (OEP) ordinarias do ano 2022 de postos dependentes da Dirección Xeral de Función Pública e dos postos de persoal funcionario das escalas sanitarias (Lei 17/1989), dependentes de Sanidade. 

  • Temarios de estabilización de persoal funcionario (descargar)

  • Temarios de estabilización de persoal laboral, grupos I, IV e V (descargar)

  • OEP ordinaria 2022 (descargar)

  • OEP ordinaria 2022 de escalas sanitarias (descargar)

  • Convocatoria do proceso selectivo extraordinario de estabilización por concurso, (descargar)
    • subgrupo A1 e grupo I, categorías 19, 22, 32 e 40
    • subgrupo A2 e grupo II, categorías 3, 4, 5, 6, 9, 34 e 35
    • subgrupo C1, e grupo III, categorías 3, 15, 34, 36, 37, 43, 52, 54, 54B, 66, 71, 94, 98, 101 e 103
    • subgrupo C2, e grupo IV, categorías 7, 12, 20, 21, 24, 25, 31, 34, 37, 38, 39, 998ª
    • agrupación profesional, escalas de persoal subalterno e persoal de limpeza e recursos naturais e forestais

  • Convocatoria do proceso selectivo extraordinario de estabilización por concurso-oposición, (descargar)
    • subgrupo A1
    • subgrupo A2
    • subgrupo C1
    • subgrupo C2
    • agrupación profesional, escala de persoal subalterno

Os sindicatos con representación na Mesa Xeral, CIG, CCOO, CSIF e UGT, asistimos a unha xuntanza convocada polo director xeral de Función Pública para tratar as convocatorias e temarios dos procesos de estabilización (derivados da Lei 20/21), xunto coas ofertas de emprego público (OEP) ordinarias do ano 2022 de Función Pública e das escalas sanitarias (Lei 17/89). Función Pública retirou finalmente a OEP ordinaria, e deu información doutros asuntos que relatamos en "Outras informacións"

Tes a túa disposición as bases das convocatorias, os temarios, e as ofertas de emprego que nos entregaron para a Mesa Xeral do luns 19: ligazón.

Convocatorias dos procesos selectivos da Lei 20/21

  • As bases irán á Mesa Xeral para a que estamos convocados o luns 19. Serán aprobadas en Comisión de Persoal o mércores 21. E de aí, ao Consello da Xunta e DOG (antes de rematar o ano).
  • Prazas: publicaranas no web. Indicarán as prazas que corresponden a cada escala/categoría. Non haberá prazo de alegacións, pero si corrixirán calquera erro que se poida detectar. Publicarán as iniciais e 4 díxitos do DI das persoas que as ocupan.
  • En canto á escala en que se publica unha praza, fano seguindo a sentenza, non as funcións.
  • Prazo de solicitudes para os procesos de estabilización: comezará o 16 de xaneiro. Ata esa data poderían corrixir erros nas prazas.
  • Retiran as prazas do persoal funcionario interino que pola Lei 4/88 (LFPG) pasou a laboral.
  • Inclúense unhas 40 prazas aportadas polas consellerías. E algunha máis aportadas polos sindicatos.
  • Proba de galego nos entes que fan a súa propia convocatoria: hai a posibilidade de que sexa conxunta nos entes. Pero non é criterio obrigatorio, polo que os entes son libre para decidir.
  • O tope de idade para presentarse son os 67 anos, que é a idade de xubilación obrigatoria.

Temarios estabilización

O DXFP fai un repaso dos cambios (eliminan, engaden e refunden temas). Estes cambios xa estarían incorporados aos borradores que enviaron para a Comisión de Persoal. Menciona cambios en: parte xeral de A1, arquitectos, expertos lingüistas, enxeñeiros técnicos agrícolas, auxiliar informática e auxiliar de mantemento.

A CIG manifesta o seguinte:

  • Os temarios enviados seguen sen dar resposta as alegacións feitas polo persoal e por esta central sindical.
  • Os temarios das distintas categorías dun mesmo subgrupo non teñen un número de temas equitativo. Atopamos dentro dun mesmo subgrupo, categorías con moitos máis temas que outras.
  • Os temarios teñen contidos pouco concretos, de maneira que existen temas cuxa amplitude pode resultar inabarcable pola redacción xeral dos seus contidos.
  • Os temarios de algunhas categorías non corresponden nos seus contidos co traballo a desenvolver polo persoal que ocupa os postos desas categorías.
  • Nin sequera os temarios da parte xeral son os mesmos para todas as categorías dun mesmo subgrupo, entón non se comprende a denominación “parte xeral”, xa que non é xeral para tódalas categorías dese subgrupo, de feito, algunha categorías non levan sequera parte xeral.
  • Como nos temarios enviados na ocasión anterior, comprobamos que os temarios foron elaborados sen unha adecuada reflexión, con cortas e pegas.
  • Queremos sustituír temas por normas de dereito. Se non é posíbel, elaboración de manuais ou como mínimo referencias bibliográficas.
  • Deben modernizar e concretar máis os contidos. Hai contidos obsoletos ou desfasados.

Oferta de emprego pública ordinaria 2022

Refírense tanto á OEP dependente da Dirección Xeral de Función Pública como a de persoal funcionario das escalas sanitarias (Lei 17/1989), dependente de Sanidade. Irá a Mesa Xeral o luns 19, e aprobadas en Comisión de Persoal o mércores 21.

Outras informacións

Carreira profesional: van unhas 17.000 solicitudes presentadas. A maioría cumpren os requisitos. Os incidentes serán tratadas máis adiante.
Queren pagar na primeira quincena de xaneiro.

Procesos selectivos en execución: Entre esta semana e a que ven sairá o baremo definitivo de enfermería, sicólogos, aux. enfermería, e pode que algún mais. Tentarán que saian todos os definitivos neste ano. Algún pode que saia no web pero non no DOG. Elección destino pendentes: procurarán sacar as prazas no web (polo día 22?)

Estamos convocados para o día 20 de decembro a unha xuntanza coa Consellería de Economía, Industria e Innovación para tratar a súa Relación de Postos de Traballo. 

Tes a túa disposición a documentación (descargar) e podes escribirnos o que consideres se tes algo que dicir (contactar coa CIG).

Ante a falta de persoal substituto nas listaxes de contratación temporal actualmente en vigor, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar,  procedeu á selección de persoal a través do SEPE para dar cobertura ás necesidades de persoal dos centros de traballo. 

Esta situación de esgotamento das listas e a selección de persoal para fornecelas, impide calquera seguimento das contratacións e das propias listaxes, pois non pode ser comprobado nin pola representación sindical nin polas propias persoas integrantes das listas, xa que non están publicadas en ningures.

Tras esta selección de persoal, o Consorcio procedeu a facer os chamamentos para cubrir as necesidades dos centros, en moitas ocasións sen esgotar as listas en vigor como é preceptivo (como por exemplo sucedeu nas escolas de Vigo-Valadares, Poio, Forcarei, Crecente, Cerdedo, entre outras).

Moitas traballadoras e traballadores que estaban agardando o chamamento para as coberturas de permisos e vacacións neste mes de decembro, observaron como se lles ofrecían as prazas as  persoas que acababan de seren seleccionadas sen que, previamente, lles foran ofertadas previamente a elas, véndose así gravemente prexudicadas. Esta é unha situación que se repite, nesta época do ano, dende hai tempo.

A CIG reiteramos, unha vez máis que: 

  1. As listas de contratación do CGSIB non cumpren cos preceptos constitucionais, traducidos en transparencia.
  2. Non se poden facer chamamentos a persoas seleccionadas polo INEM sen antes esgotar os chamamentos polas listas actuais e incumprir as propias bases.
  3. Os ámbitos de chamamentos son provinciais, polo que o persoal chamado ten que aceptar contratos cunhas distancias do seu domicilio que nalgúns casos non lles permite conciliar a súa vida persoal e laboral e, a maior parte deles, no ámbito rural e sen transporte público. Por outro lado os contratos precarios que se lles ofertan, non lles permiten, en moitos casos, cubrir os gastos de desprazamentos e/ou aloxamento.
  4. A Comisión de Seguimento de listas do Consorcio non ten presenza nin control sindical.

 

 

 

 

 

 

Decepción ante a falta de vontade política do goberno. Os grupos no Congreso manifestan o seu apoio, pero o goberno veta a emenda que permitiría resolver a situación.

A Secretaria nacional de CIG-Autonómica, acompañada duns compañeiros do Servizo de Gardacostas de Galiza, reuníronse na mañá do martes 13 de decembro con representantes dos grupos parlamentarios no Congreso das e dos Deputados para reclamar o seu apoio e que se modifique a Lei 47/2015, reguladora da protección social das persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro. A central sindical promoveu para iso unha emenda, que foi presentada polo BNG, para que se acolla ao persoal funcionario das escalas de Gardacostas no TREMAR.

As xuntanzas, que se desenvolveron ao longo da xornada, coincidiron coa celebración da ponencia da Lei de Pesca Sustentábel. Todos os grupos recoñeceron a discriminación por razón de réxime xurídico que sofre o persoal do servizo de gardacostas, por seren funcionarios, e consideraron que tiñan que estar integrados no TREMAR.

Porén, a decepción chegou polo veto do goberno á emenda que supón que non se poida debater e moito menos votar. É dicir que a práctica do goberno de vetar esta emenda se contradí co que manifestan tanto o PSOE como Unidas Podemos. Con todo, non nos imos render e insistiremos na reforma lexislativa para que se inclúa o persoal gardacostas, con urxencia, no réxime especial do Mar.

Diante do veto do goberno, por cuestións orzamentarias, Unidas Podemos propuxo como alternativa presentar unha proposición non de lei (PNL) para buscar unha saída. Pola súa banda os representantes do PSOE indicaron que “non teñen claro se a lei de pesca é a saída a isto e din que temos que tratar con Traballo e Seguridade Social”.

ERC e EH Bildu manifestaron tamén o seu pleno apoio á emenda. ERC propuxo buscar conxuntamente co BNG unha fórmula para recuperar a emenda e xa adiantou que mantería o seu apoio á loita onde siga, se isto non vai adiante.

No mesmo sentido, Bildu explicou que “estudan a posibilidade de discutir o veto do goberno porque non lle concordan os números e insistiron en que hai varias vías para que o goberno, cun informe favorable, poida recuperar a emenda”.

Na xuntanza co grupo popular, que se desenvolveu no decurso da tarde, os seus representantes declararon sentirse sorprendidos polo veto a emenda, porque eles ían votar a favor mais indicaron que intentarían que desde Galiza se lle dea impulso á iniciativa ou se busque unha solución pactada Goberno-Xunta.

Diante disto, a conclusión das xuntanzas é que o problema témolo nós e a nosa saúde, mais a solución téñena eles e quen podían realmente resolver a situación só demostraron falla de vontade política.

Inclusión no TREMAR

Ao persoal funcionario das escalas de gardacostas de Galiza se lle exixe, como a todos os traballadores e traballadoras do mar, os requirimentos do Instituto Social da Mariña (ISM) para poder realizar as súas funcións como unha formación específica e a superación dun recoñecemento médico. Máis, ao tempo, o propio sistema non os admite porque non están dentro do réxime especial do mar xa que están no réxime xeral da seguridade social.

Está situación esperpéntica supón que o noso persoal non teña a protección para a súa saúde, como a xubilación anticipada ou a vixilancia médica específica que necesitan polos riscos que para a saúde supón o traballo no mar. Isto é mais grave se temos en conta que, porén, os compañeiros da privada que comparten o ámbito laboral coas tarefas e os medios da Xunta (embarcacións, etc..) están no TREMAR con normalidade.

A CIG-Autonómica leva meses reclamando á Consellería, ao Goberno e ao Parlamento de Galiza que aporten unha solución a esta discriminación que unicamente sofren por seren persoal funcionario, razón coa que o ISM determina a súa exclusión do réxime especial do mar. Neste sentido, a CIG denuncia que, malia ser coñecedores, polo de agora nin a Xunta da Galiza, nin os ministerios implicados aportaron solución real ao problema.

 

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT recibimos convocatoria de Mesa Xeral de Negociación de persoal Empregado Público e da Comisión de Persoal, nos que se van discutir e aprobar os temarios dos procesos selectivos mediante concurso-oposición derivados da Lei 20/2021. A sesión vai ser o xoves 15 de decembro.

Se é do teu interese podes descargar os documentos (temarios de persoal funcionario, e temarios de persoal laboral). Se queres aportar algo podes contactar coa CIG.

Nota: a MX e CP do día 15 foi aprazada para o luns 19. 

A Consellería de Sanidade envía unha proposta de modificación da súa RPT e convoca aos sindicatos a unha xuntanza o luns 19 de decembro. Se estás interesado/a no asunto, tes a documentación á túa disposición (descargar) e podes achegarnos o que consideres (contactar coa CIG).

O luns 05 de decembro tivo lugar a primeira xuntanza con representantes da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda (CMATV) para negociar un Acordo  que regule as condicións de traballo do persoal que presta servizos nos arquipélagos do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG).

Esta xuntanza foi unha primeira toma de contacto. A Consellería remitiu unha proposta que supón un claro retroceso nos dereitos laborais do persoal que traballa no Parque Nacional., destacamos: 

  • Queren incrementar os días de presenza a total disposición nas illas en máis de 50 días 
  • Van computar o tempo de traballo diario nas illas en 7,5 h/día en tempada baixa (igual que nunha oficina) e de 10 h/día nos 4 meses de tempada alta (é unha barbaridade xa que estamos ás 24h alí)
  • Límitan o dereito a conciliación do persoal cun réxime ríxido de 7 días continuados nas illas e que tamén condiciona drásticamente o desfrute das vacacións, permisos, licenzas, reduccións de xornada…
  • Mobilizarán libremente ao persoal entre os diferentes arquipiélagos por parte da Dirección por “necesidades do servizo”
  • Computan como período de descanso o tempo de permanencia nas illas, aínda estando a dispor e conectado/a.
  • Queren mudar as funcións das diferentes escalas establecidas na LEPG, incrementando as funcións ao persoal do PNMTIAG (para que “valan para todo” e aforrar postos de traballo).
  • Establecer novas dependencias funcionais das escalas/categorías de xeito diferente ao resto da Xunta, xerarquizando e duplicando funcións en varias escalas. 
  • Propoñer compensacións económicas á baixa a pesar de recoñecer as especiais condicións de traballo do PNMTIAG.

Con esta proposta de acordo a Consellaría amosa un enorme descoñecemento da da realidade laboral do Parque Nacional e os seus representantes seguen pensando que traballar nas illas é ir de excursión.  

Na CIG vimos denunciando a precariedade das condicións de traballo no Parque Nacional, as instalacións, os medios e os factores sociais e ambientais cos que a diario nos enfrontamos. O mar e a insularidade limitan e condicionan os nosos dereitos laborais e afectan a saúde á vez que incrementan as responsabilidades do posto. Levamos anos analizando a especial situación no PNMTIAG e traballando na búsqueda de solucións axeitadas para amortecer as discriminacións que sofre o persoal.

A consellaría desconvocou unilateralmente a mesa de marzo e agora pretende “despachar” en tempo record unha negociación tan complexa para así impoñer as súas condicións . Anuncian que a próxima xuntanza será o 16 de decembro. Nos xa anunciamos que haberá conflicto se non avanzamos en dereitos.

Para termos dereito á xubilización anticipada con coeficientes redutores, para rematar coa discriminación do ISM por sermos persoal funcionario: esiximos a inclusión no Tremar (réxime especial do mar). 

O vindeiro martes 13 de decembro acudiremos ao Congreso dos Deputados, onde se defenderá a enmenda impulsada pola CIG para a Lei de Pesca Sustentable co obxectivo de rematar con esta inxusta exclusión. 

 

Tes ata o 26 de decembro incluído, para solicitar a carreira profesional dos grao I ou II extraordinarios (do complemento de carreira ou complemento de desempeño, segundo sexas persoal funcionario ou laboral). O FIDES vai detectar automaticamente o grao que che corresponde: é a forma ORDINARIA de solicitar a carreira.

E, se non concordas co que indica o sistema aconsellámosche que o presentes igual e que despois presentes unha solicitude coa túa demanda a través do modelo PR004A.

Para identificarte no FIDES terás que facelo con certificado dixital, DI electrónico ou Chave365, polo que no caso de non ter DEBERÁS SOLICITALOS previamente.

Se es laboral temporal da Xunta ou do Consorcio ou persoal funcionario interino da Xunta, lembra que non lles quedou outra que asumir as sentenzas que gañamos, polo que agora SI tes dereito a carreira, polo que debes solicitala.

 

Cales son os requisitos que teño que cumprir?

Para o grao I extraordinario, ter 40 horas de formación ou outros méritos dos criterios de avaliación descritos na convocatoria URL e 5 anos de antigüidade nesta administración a 31.12.2021.

Para o grao II extraordinario ter o grao I e 80 horas de formación ou algún dos outros méritos dos criterios de avaliación descritos na convocatoria URL e 11 anos de antigüidade nesta administración a 31.12.2021.

• De novo, o persoal laboral fixo non ten carreira se non asina o compromiso de funcionarización que aparece como requisito. É así porque así o quixeron CCOO, UGT e a Xunta.. Se é o teu caso ponte en contacto coa CIG.

• Estar en activo a 31.12.2021. Se te xubilaches, estás en excedencia ou sinxelamente non estás en situación de servizo activo agora, podes solicitar os importes correspondentes ao tempo en activo do 2022. E, se estabas nunha das situacións anteriores (excepto no caso de xubilación) ou en servizos especiais, tes que solicitala para que se che recoñeza a efectos administrativos, aínda que non vas cobrar ata que te reincorpores ao servizo activo é só con efectos económicos a partir de estar nesa situación.

 

Como a teño que solicitar?

A través da plataforma https://fides.xunta.gal/

Lembra que tes ata o día 26. Se vai lento (ou non vai) proba noutro intre.

Se non tes acceso ao FIDES ou portal electrónico presenta unha solicitude a través sede electrónica da Xunta co modelo de solicitude xenérica: PR004A.

Pero primeiro asegúrate de que o problema non estea en que teñas caducada a túa Chave365, certificado dixital, ou DI electrónico.

O sistema vai verificar si cumpres os requisitos de xeito automático. Se falta algo vaite chegar unha notificación (non é necesario por tanto actualizar o expediente electrónico ata que cho requiran).

 

Que pasa si….

1. Cumpro os requisitos pero o FIDES non me recoñece o grao?: presenta a solicitude a través do modelo xenérico PR004A da sede electrónica da Xunta.

2. Non cumpro os requisitos pero coido que debería ter dereito porque xa estaba cobrando o grao I ou por que considero que a exclusión é incorrecta?: presenta a solicitude a través do modelo xenérico PR004A da sede electrónica da Xunta. e acude ao sindicato para valorar a situación.

3. Estou no paro, xubilado/a ou en excedencia neste momento pero a 31.12.2021 estaba en activo, traballei un tempo no 2022 e non me deixa presentar a solicitude a través do FIDES?: preséntaa co modelo PR004A.

4. Teño unha demanda presentada para a cobranza da carreira profesional anterior e estou pendente de sentenza?: tes que solicitar esta tamén, posto que é unha carreira que deriva dunha nova orde.

5. Estaba cobrando o grao I pola carreira profesional anterior e agora o FIDES indícame de novo o grao I da carreira administrativa?: e unha incidencia que se esta a solucionar. Se aínda persiste acepta igual e logo presenta unha aclaración polo PR004A.

 

Para calquera cuestión non dubides, porte en contacto coa CIG. Axudarémosche no que poidamos.

 

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...