Novas por contido

No DOG do 25/05/2022 publica a RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2022, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai pública a actualización provisional de méritos correspondente ao ano 2021 das listas para a cobertura con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza.

En aplicación do establecido na disposición adicional primeira da Orde do 20 de xullo de 2021, nas listas para a cobertura transitoria de postos de persoal funcionario da escala de veterinarios (A1-2067) e da escala de ciencias, especialidades de bioloxía (A1-2068) e química (A1-2069), valoraranse, ao abeiro do artigo 9, letra b), do Decreto 37/2006, os méritos por servizos prestados nas categorías profesionais laborais declaradas equivalentes polo Decreto 165/2019.

As puntuacións totais das persoas integrantes das listas para o nomeamento de funcionarios/as interinos/as (anexo I) e a dos integrantes das listas para a contratación temporal de persoal laboral (anexo II), poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galiza, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratacion>.

As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente (Dirección Xeral da Función Pública, Consellaría de Facenda e Administración Pública, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).

No DOG do 25/05/2022 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2022 pola que se convocan, con carácter extraordinario, actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

O prazo de presentación de solicitudes abarcará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata o 3 de xuño de 2022.

Poderá participar nas accións formativas convocadas nesta resolución:

1. O persoal empregado público ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza e da Administración institucional, en situación de servizo activo ou servizos especiais que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Está exceptuado o persoal docente da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, o persoal das escalas dos corpos da policía de Galiza, bombeiros e o persoal do Servizo Galego de Saúde, agás que estea en situación de servizos especiais en calquera das administracións relacionadas no parágrafo anterior. Non se entende por tal os/as empregados/as públicos/as da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galiza.

2. Sen prexuízo do anterior, poderán ofertarse actividades formativas a empregados/as públicos/as pertencentes a outras entidades, organismos e institucións públicas, cando así se estableza na epígrafe «persoal destinatario» da actividade formativa.

O concurso de traslados previo e simultáneo NON RESTA postos á estabilización e SUMA dereitos

Na CIG vimos de recibir varias comunicacións de traballadoras fixas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Como delas se deducen algunhas interpretacións sobre o tratamento que debe ter dito persoal compre aclarar algúns puntos.

1. Como é normal e xusto, os postos de traballo do Consorcio teñen que ter a opción de ser cubertos en primeiro lugar polo actual persoal laboral fixo. Exactamente igual que ocorre co persoal funcionario da Xunta e igual que se recolle no V Convenio Colectivo.

2. Para iso ten que haber un concurso de traslados previo aos procesos de consolidación e estabilización onde se ofrezan todas as vacantes.

3. A resolución deste concurso ten que ser SIMULTÁNEA á resolución dos procesos selectivos, exactamente igual que se ten feito e se está a facer na Xunta: o mesmo día que tome posesión no seu posto o persoal fixo que concurse, toma posesión o persoal que aprobe os procesos selectivos, sendo a orde de prelación, primeiro o persoal fixo que concursou e despois o persoal que aprobe os procesos selectivos.

4. O acordo de integración do persoal do Consorcio, que é de hai 5 anos NON establece unha orde temporal. Simplemente se recollen numerados unha serie de acordos, que se ben é certo que uns teñen que ser de desenvolvemento consecutivo pola súa propia natureza, outros non.

5. Como o acordo é de hai 5 anos e nese tempo nin se convocaron procesos selectivos, nin se completaron moitos dos puntos establecidos no acordo, e a maiores outro tipo de procesos como a funcionarización do persoal laboral da Xunta distorsionaron o sentido do mesmo, a solución para salvagardar os dereitos do persoal laboral fixo ten que ser a de desenvolver xa parte dos acordos.

6. Para iso compre que o persoal laboral fixo transforme a súa relación nunha relación de natureza funcionarial dentro dos corpos e escalas da Xunta de Galiza.

7. O modelo de funcionarización aplicado na Xunta non é o que nós levamos defendendo, fundamentalmente porque se fixo a cegas tendo que optar por funcionarizarse sen coñecer as condicións de traballo. Pero neste momento é a única opción de garantir a mobilidade.

8. Isto é así porque si se aproba unha RPT de persoal funcionario e o persoal laboral fixo do Consorcio non se funcionariza quedarían ancorados no posto que ocupan perdendo o dereito á mobilidade e cambio de posto.

9. A opción non é por tanto, como algunhas persoas nos piden, que a RPT siga sendo de persoal laboral, porque as escalas xa están creadas de persoal funcionario e os procesos selectivos que van poñer en marcha son de persoal funcionario, co que a única solución sería deixar só como de persoal laboral as prazas que actualmente ocupa o persoal laboral fixo e por tanto estes só poderían concursar a esas prazas cando o dereito é que poidan concursar a todas as prazas vacantes (con toma de posesión simultánea coas persoas que aproben os procesos selectivos e que poderán facelo nos postos sobrantes do concurso de traslados).

10. E finalmente, o concurso de traslados de persoal laboral fixo NON RESTA prazas para os procesos de estabilización, xa que a quen lle adxudiquen un posto no concurso deixa vacante o seu de orixe para ser ofertado ao persoal de novo ingreso.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) certifica 51 prazas que irían na oferta de estabilización. Agás dúas que serían mediante consurso-oposición, todas as demais van pola estabilización extraordinaria de concurso de méritos. Salientar que das 51, 42 non están en RPT a día de hoxe. A GAIN conta con que as prazas desta oferta convocaranse de xeito conxunto co resto das prazas da Administración xeral, pero aínda está sen pechar a negociación con Función Pública de se os entes van ter convocatoria separada ou conxunta.

Esta reunión ven despois da nosa queixa en Mesa Xeral onde nos queixamos de que había entes que non negociaron a oferta coa representación do persoal. A documentación contén erros, e comprométense a falar con Función Pública para arranxalos antes da Comisión de Persoal na que se aprobe a OEP.

A GAIN presenta unha listaxe de postos, algúns deles sen sequera data de ocupación. Así, sen ter unha listaxe completa de todas as vacantes nin o seu histórico para poder comprobalos, temos que fiarnos a cegas do que nos contan. De todas formas xa tiñamos remitidas varias alegacións na aplicación de postos de Función Pública a prazas que nos fixeron chegar as compañeiras e compañeiros do GAIN e que hoxe reiteramos nesta mesa.

A pesar das alegacións e da certificación achegada pola Axencia, Función Pública segue a manter varios erros na sua listaxe, como unha praza que Función Pública tena nunha listaxe errada, e a exclusión de varias prazas que din que están convocadas. As persoas esponsables de persoal da GAIN non eran coñecedores de que esas prazas convocadas son excluídas da oferta por parte de Función Pública.

Estas son as prazas excluídas por Función Pública da certificación da GAIN (en amarelo):

Como consecuencia das denuncias da CIG que declararon ilegais as encomendas a TRAGSATEC, a consellería de Cultura modifica a RPT para crear prazas de persoal arqueólogo e arquitecto.

Por mor da firmeza da sentenza xudicial do TSXG gañada pola CIG, a Xunta vese obrigada a modificar a RPT da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e crear as prazas como estruturais. Porén unicamente crean 14 prazas das 17 que había en Tragsatec, e iso que as de Tragsatec só estaban en Pontevedra e servizos centrais e agora van cubrir todo o territorio, repartindo nas direccións xerais e nas catro xefaturas territoriais.

Con todo, na CIG Autonómica consideramos claramente insuficiente porque unicamente crean 8 na escala de arquitectura e 6 na de arqueoloxía que van desenvolver as tarefas de inspección informe e autorización materia de patrimonio artístico, histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, arquitectónico, etnolóxico, antropolóxico…para calquera obra ou actuación que supoña un impacto ou estea en solo ou condicións de protección.

Non van en correspondencia coas escalas

As prazas creadas non van en correspondencia coas escalas, situándoas nun nivel base de corpos xerais (N20), co que o nivel e o salario vai ser moito menor que os dos seus compañeiros e compañeiras de titulación na consellería e que non se corresponde coa responsabilidade dos postos que van exercer. Todo un disparate. En números globais esta contratación supón un aforro anual de máis de 30.000 euros en comparación ao custo da encomenda con TRAGSATEC. Se o aforro é tan evidente, por que teiman en crealas en postos base?”.

Na CIG-Autonómica opoñémonos ademais á proposta de localización das prazas na RPT porque non se tivo en conta a carga de traballo nin a distribución orixinal das prazas ocupadas por persoas interinas (e que foron despedidas) antes da externalización e privatización de traballo no 2018.

Cese da Directora Xeral

Reiteramos a nosa exixencia de cese inmediato da Directora Xeral de Patrimonio, persoa responsábel directa da execución das encomendas sucesivas a TRAGSATEC de funcións que só podían ser desempeñadas por persoal funcionario.

Tras o inmenso traballo de recompilación, argumentación e denuncia, a Xustiza deulle a razón á CIG cunha sentenza histórica que anula as encomendas e que deu como resultado a creación de prazas estruturais, servindo ao tempo de aviso a navegantes para moitas outras externalizacións. Porén, a victoria xudicial vese deslucida porque as prazas estruturais creadas resultan insuficientes, o que incide na precarización do emprego público.

No punto de rogos e preguntas da Mesa Xeral de negociación de empregados públicos do 20/05/2022, falouse dos seguintes asuntos:

  • Das tomas de posesión do concurso de traslados e do destino definitivo de corpos xerais (actualmente en provisional), pedimos datas concretas. O DXFP resposta que o 27 publicarán en DOG. Pero en canto as datas de cese e toma de posesión négase a ser máis concreto. Insiste en que non o teñen decidido, que para a semana que ven terían unha xuntanza coas consellerías (xa lles remitiron instrucións), e que a cousa sería para a última de maio (por cachondearse, supoñemos) ou primeira de xuño. Nota: na Comisión de Persoal do 24/05/22, o DXFP confirma que o día 6 de xuño será a data de comezo do prazo de cese e toma de posesión.

  • Preguntamos polo destino definitivo do persoal subalterno con discapacidade intelectual. Non temos resposta.

  • Preguntamos polos procesos selectivos que levan meses parados na fase de concurso. O DXFP di que en unha ou dúas semanas sairán varios procesos en DOG. Fala de 4 probables nunha semana, 8 en dúas, e tentarán que ao longo de xuño saian todos ou a maioría. Menciona corpos xerais e OEP-social. 

  • Previsión de datas de exames das escalas sanitarias. Insistimos en preguntar pola previsión de datas de exames da OEP-Lei 17, que non ven na convocatoria. O DXFP xa nos ten respostado en multiples ocasións que preguntaría “mañá” ou “para a semana”, e seguimos igual. Ou ben o DXFP nos toma o cabelo, ou en Sanidade llo toman a el.

  • Promoción interna de corpos xerais: na xuntanza do día anterior afirmara que na OEP ordinaria (pendente de negociarse e publicar), habería limitacións na promoción interna. Di que o asunto non toca tratalo agora. A CIG esixe o 50% da oferta para promoción interna (iremos ao xulgado se non cumpren o mínimo legal, que é do 25%). A CIG quere que a maiores, se aplique un 25% para promoción interna na OEP-extraordinaria (adicional, non restando prazas), en condicións similares (o que inclúe tamén concurso de méritos).

  • Decreto flexibilidade. Isto foi á MX do 09/06/2021. Rexistramos alegacións o 17/06/2021 a un documento que é practicamente igual ao que enviaron agora, que estaba cheo de eivas e incluso rebaixaba algúns dereitos creados pola Lei de igualdade. A CIG considera que as alegacións están sen respostar e non poden aprobalo sen mais. Aceptan a petición da CIG. Teremos algunha reunión (1 ou 2), con intencións de pechalo no vindeiro mes.

A Xunta dá por concluídas as negociacións da OEP extraordinaria do 2022 logo da Mesa Xeral do venres 20 de maio, onde a única novidade que dixeron é que podían revisar a redacción dalgúns artigos para que non deran lugar a interpretacións erradas. Os decretos da OEP da Administración Xeral e persoal funcionario da Lei 17 de escalas sanitarias van idénticos para a convocatoria da Comisión de Persoal do martes 24. 

Para a CIG esta Oferta de Emprego Público non vale porque:

- Función Pública négase a introducir o coñecemento da lingua galega como requisito no decreto da oferta de estabilización, cando si o fai con probas psicotécnicas ou físicas. Como a palabra do director xeral vale menos dun peso non temos claro que vaia introducir nas convocatorias o coñecemento na lingua galega como requisito.

- Négase a eliminar a observación de convocadas e, aínda que non enviou os anexos totais cos números de prazas a ofertar, xa sabemos que mais de 900 prazas van ser excluídas. Son aquelas que convocou en decembro e están sen desenvolver no medio da tramitación da Lei e a mala fe.

- Desvirtúa a disposición adicional oitava ao pórlle un tempo de interrupción da cobertura maior de 3 meses co cal queda excluída a praza para engadir á oferta.

- A casa comezou a facerse polo tellado. Primeiro enviou unhas listaxes de postos desastrosas onde faltaban centos de prazas, logo discutiu os criterios e agora non refai as listaxes. Iso si, di que aceptou 584 alegacións individuais das organizacións sindicais, e que a maiores incluíu 356 prazas de Medio Rural, 45 de Medio Ambiente (Illas Atlánticas) e non aclara se introduciu os case 300 de Educación. Envían novas listaxes que poderemos seguir alegando pero avisa que non introducirán cambios que supoñan aumentar prazas máis do 10%.

  Buzon 1 Buzón 2
Administración Xeral 3.827 481
Entes 378 112
Consorcio 1.198 162

- Os exames no concurso-oposición serán eliminatorios pero non quere fixar criterios comúns a todas as convocatorias na oferta.

- Non van identificar as prazas afectadas nin no decreto da oferta nin nas convocatorias: seguimos coa opacidade.

- A Xunta eliminou a promoción interna dos procesos de estabilización, a pesar de que a promoción interna NON RESTA prazas senón que suma á oferta e non supón incremento de persoal, abrindo a grupos e subgrupos superiores. E lembramos que a CIG mantén que a promoción interna debe ser unha quenda separada e que non compite, xa que ao aprobar a PI deixas a que queda libre. O resultado de prazas ocupadas e o mesmo e ademais non contan dentro da taxa de reposición. Tanto é asi que a lei da temporalidade compatibiliza a PI coa oferta de estabilización.

O que si aceptaron:

1. Non van excluír das listas de agarda ao persoal que non superase os procesos selectivos e que as súas prazas eran DA6 e DA8 nin ao persoal que cobrase a compensación económica por despedimento da lei 20 como tiñan no borrador inicial.

2. Vaise incluír na OEP a funcionarización do persoal fixo do Consorcio. Na CIG denunciamos que a RPT de prazas funcionariais deixaría ao persoal fixo illado sen posibilidade de mobilidade, asi a funcionarización debe ser parella á RPT.

Recibimos unha nova proposta de modificación de RPT da CMATV referente a creación dos postos de traballo de persoal laboral no Parque Nacional (27 postos que levan máis de 11 anos pendentes de inclusión en RPT) e a creación de 4 postos e modificación de outros tres para dotar de persoal suficiente a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo creada o 23 de marzo deste ano.

A convocatoria da xuntanza está prevista para o venres día 27 de maio, para a que nos facilitaron  as organizacións sindicais parte da documentación: mémoria xustificativa, memoria económica e listados de equivalencias, pero non aportan a proposta de Orde pola que se establece o réxime de prestación de servizos do persoal que desenvolve a súa actividade laboral no territorio do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, documento indispensable para esta negociación!

Nas propias memorías xustificativa e económica que realizou a CMATV faise referencia a proposta de orde que establece o réxime de prestación de servizos do persoal de campo do Parque Nacional, que según a Consellería tramítase de forma paralela a esta modificación de RPT, pero na CIG non temos constancia do inicio das negociacións do Acordo de Condicións de Traballo do persoal do Parque Nacional nin de ningún borrador do mesmo. O único feito neste senso é que anularon a xuntanza que conseguíramos para iniciar o traballo o 17 de marzo e non volveron a convocarnos para este asunto. Esperamos recibir o borrador de orde como moi tarde o luns día 23 de maio para poder negociar con todos os elementos necesarios esta modificación de RPT.

Se queres achegarnos algo, contacta coa CIG.

A CIG-Autonómica celebraba este sábado, día 21 de maio, a súa VIII Asemblea baixo o lema “Emprego e servizos públicos de calidade. Loitando polos dereitos para avanzar” e reelixía a Zeltia Burgos como secretaria nacional. Unha xornada na que se elixiron ademais ás persoas que conforman a Executiva Nacional; a Dirección Nacional da CIG-Autonómica e ás representantes da mesma na Dirección Nacional da CIG-Administración.

Deste xeito, a nova Executiva queda conformada por:

  • Zeltia Burgos Tortosa
  • Aser Lidia Tobío Martínez
  • Alexandre Prieto Giráldez
  • Olga Vilasánchez Seoane
  • Uxío Zabala Iglesias
  • Marta Regueiro Abel
  • Mar Peteira Cabana

Pasan a formar parte da Dirección Nacional do Sector:

  • Fernando García Fernández
  • Rosa Fernández Muñoz
  • Consuelo Fernández Fernández
  • Roberto Varela Gestal
  • María Luísa Alonso González
  • Manuel Gallardo Canitrot
  • Manuela Rodríguez Gamallo
  • Carme Viso Rubín
  • Catia Vázquez Cortinas
  • Mª Socorro González Otero
  • Rocío Trastoy García
  • Luzdivina Rebollal Juanes
  • Azuzena Gavín Reigada
  • Antonio Fernández Domínguez
  • Xosé Ramón Vázquez Rodríguez

Ademais, representarán ao sector, na Dirección Nacional da CIG-Administración:

  • Cristina Terrón Pérez
  • Bernardina Porral Mosquera
  • Rodolfo Docampo Abalde
  • Uxío Zabala Iglesias
  • Nieves Somoza López
  • Mar Peteira Cabana

Recuperar os dereitos do persoal da administración autonómica

Na súa intervención de clausura, a secretaria nacional denunciou que desde a última asemblea, hai 4 anos, o sector padeceu recortes, lesivos pactos levados a cabo por outras organizacións, a pandemia e políticas de persoal que obrigaron a facer de parapeto das persoas empregadas públicas. Unha situación diante da que a nova dirección se comprometeu a seguir facendo esta tarefa de trincheira, mais tamén a lanzar un proxecto de recuperación de dereitos co que afrontar os anos de loita que imos ter por diante.

Temos como obxectivos recuperar a negociación colectiva, rota polo pacto CCOO-UGT-Xunta co Acordo de Concertación, que imitando o pacto social que teñen no goberno estatal, venden ao persoal empregado público autonómico. Unha situación que empeorou coa pandemia, que a Función Pública veulle moi ben para facer e desfacer, amparada tras as cámaras das videoconferencias.

Opómonos frontalmente á perda de dereitos que supón a funcionarización, chapuza do persoal laboral ao que deixan sen convenio colectivo e a chamamos a mobilizarse por un acordo marco que regule as condicións laborais para o persoal funcionario e laboral no que se recollan as condicións especiais de traballo.

Clamamos contra o maltrato e a precaridade no sector público e rexeitamos, con contundencia os contratos de dúas horas, as rebaixas nos dereitos de conciliación que xa nos outorga a lei, as suspensións de contrato para aforrar vacacións e non imos aguantar que a temporalidade sexa endémica, que os salarios queden esmagados ante o custo da vida ou que se paralice durante anos a mobilidade e promoción do persoal.

Loita contra a externalización

A CIG continuará a combater a externalización de funcións do persoal, como xa fixo coa denuncia que derivou na ilegalización da privatización de funcións propias de persoal de Cultura a Tragsatec, que obrigou á Xunta a crear as prazas na RPT.

Privatización de funcións de persoal que se está a dar tamén para a elaboración dos informes e a tramitación dos Fondos de Recuperación e Resiliencia ou para os procesos de autorización para a venda dos recursos do noso país a proxectos de eólicas, extractivas e mineiras ou implantación da industria máis contaminante. Unha situación diante da que nin a terra da nin as xentes da Galiza estamos en venda, e os funcionarios e funcionarias somos a única garantía de imparcialidade no procedemento.

Defensa dos servizos públicos

A CIG tampouco permitirá que servizos públicos esenciais como as residencias de maiores publicas se entreguen directamente a fondos de inversión privados que se benefician a custo da calidade do servizo como estamos a ver cada dia nos medios, maltrato continuados as persoas máis vulnerábeis ou os falecementos masivos e faltas de coidados na covid. Ou a costa dos nosos cativos e cativas como coa privatización da nova escola Galiza infantil do Consorcio na Guarda.

Apostamos por unha administración de calidade e eficaz que será imposíbel sen empregados e empregadas públicas con dereitos, unha carreira profesional xusta e inclusiva, concursos de traslados permanentes e a eliminación da dedocracia, ademais de recuperar dereitos conxelados e gañar outros.

Somos unha organización conformada polas/os afiliadas/os e delegados/as que imos fortalecer o traballo sindical cunha perspectiva de loita colectiva, cunha actitude activa na defensa do emprego publico e dos servizos que aportamos toda a sociedade galega. Inclusivas fronte ao corporativismo, colectivas fronte ao individualismo, activas fronte a actitude pasiva a que nos abocan os tempos.

Poñemos a túa disposición os últimos listados que nos achegan dende a Dirección Xeral de Función Pública.

- Listade de alegación aceptadas: corresponde a 584 postos admitidos das alegacións formuladas polas consellerías e sindicatos. Hai que sumar 356 postos de Medio Rural provenientes de Seaga. Advirte o DXFP que os que non aparecen na listaxe, entendese que foron rexeitadas. Descargar.

- Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Descargar.

- Entes. Descargar.

- Axencia Galega de Innovación (GAIN). Certificado de postos para xuntanza o 23/05/22. Descargar.

Por se necesitas contactar coa CIG: ligazón.

Outras novas recentes

Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de traslados de corpos xerais e de escalas sociais (24/04/24)

O mércores 24 de abril asistimos a unha xuntanza con Función Pública (estaban presentes o anterior, José María Barreiro, e a nova, Nuria Aguilar).  Deron traslado da seguinte información en relación aos concursos de traslados: Concurso de traslados de corpos xerais O concurso de corpos xerais vai ser publicado o día 15 de maio (puntualizan que “máis ou menos”). Serán...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Mércores, 24 Abril 2024

Prazas para elección de destino de auxiliares-C2 e administrativos-C1 (24/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos a relación de prazas que teñen previsto ofertar ás persoas que superaron os procesos selectivos de C1-corpo administrativo, e C2-corpo auxiliar: descargar. Xunto coa relación de prazas, vai unha explicación da situación das mesmas. O primeiro que salta á vista é o escaso número de prazas ofertadas.