Novas por contido

En relación ás prazas do concurso que estaban adxudicadas a persoas que se xubilaron, e despois de que llo fixéramos constar a Función Pública esixindo unha reasignación dos postos, finalmente a Xunta o que decidiu ao respecto é o seguinte:

  1. Coas prazas que foron adxudicadas no concurso a compañeiros/as xubilados/as antes da resolución, se fai unha reasignación. Isto xa se pode observar a través da páxina de Función Pública.

  2. Coas prazas de orixe destes/as compañeiros/as e que formaban parte do concurso ao ser prazas de resultas, deciden DEIXALAS DESERTAS e retiralas do concurso.

Isto non ten moita lóxica. Esas prazas formaban parte do concurso ao ser prazas de resultas, son prazas que agora están vacantes por xubilación, que foron solicitadas no concurso e que o xeito ordinario de cubrilas e mediante concurso, precisamente o que está en marcha.

Manifestámoslle a Función Pública o noso desacordo con isto e esperamos que corrixan esta decisión.

E sobre as persoas que non validaron a solicitude e que constan como concursantes pero con cero puntos, Función Pública finalmente decide que ao ter todos os postos un requisito de puntuación mínima non pode adxudicalos a ninguén que teña cero puntos, incluso no caso de postos aos que só concursou unha desas persoas ou que habendo máis dun concursante quedaron desertos.

A excepción serían aquelas persoas que tiñan a obriga de concursar, ás que se lles adxudicará unha praza de oficio. Tanto nun caso como noutro a Administración se ampara en que non se poden saltar as bases do concurso.

Outro asunto de grande importancia é que dos postos ofertados en resultas hai algúns que retiran do concurso porque pretenden amortizalos. As bases do concurso din que "A adxudicación dun posto de resultas estará condicionada a que o dito posto sexa de necesaria cobertura". Este epígrafe foi un dos aspectos aos que a CIG se opuxo durante a negociación, pero mantiverono igualmente. Para a CIG, se un posto está na RPT, é un posto necesario, e por tanto teñen que ofrecelo. A cacicada vai acompañada da desilusión que veñen que provocar nalgunha xente que fai uns días aparecía cun posto adxudicado, e uns días despois xa non.

Incapaces de responsabilizarse dos seus actos discriminatorios, os culpábeis de paralizar o grao II da carreira e de asinar acordos que exclúen ao persoal, tratan unha vez máis de retorcer a realidade.

Como émulos de Pablo Casado levan tempo recorrendo á falacia do home de palla e a outros sesgos cognitivos propios da posverdade. Vexamos que nos contan estes fenómenos.

Na comisión de seguimento do acordo de concertación acordaron:

- Seguir pagando o segundo grao extraordinario pendente ao persoal que xa tiña recoñecido o primeiro.

- Incorporar ao persoal que non cumpría os requisitos, no ano 2019.

- Estender a aplicación da carreira ao resto de empregados públicos da Administración Xeral da Xunta de Galicia.

Segundo eles isto é para superar o estancamento “como consecuencia de varias demandas interpostas pola CIG que anulan para todo o persoal a parte do Acordo relacionada coa continuidade da carreira profesional extraordinaria”

Pero aquí xorden varias cuestións:

1ª cuestión: se as demandas da CIG anulan a carreira por que seguimos cobrando o grao I?

2ª cuestión: se a sentenza da CIG é de 14/07/2021 e a orde para regular o grao II tiña que publicarse segundo o acordo de concertación no 2º semestre de 2020, como pode ser que non poñer en marcha o grao II sexa consecuencia das demandas da CIG?

3ª cuestión: e se as demandas da CIG paralizaban a aplicación do grao II, que mudou agora para que si se poida aplicar?

Pois ben, a sentenza gañada con posterioridade a que se tivera que poñer en marcha o grao II non anula “para todo o persoal”, senón que anula un acordo porque non inclúe a todo o persoal. Se o inclúe remata a causa de nulidade. E isto non quixeron facelo ata o de agora.

Polo tanto:

1ª resposta: a demanda da CIG non impedía o cobro do grao I a quen xa o tivese concedido.

2ª resposta: a Xunta decidíu, antes da sentenza da CIG, paralizar o grao II e CCOO e UGT para eludir responsabilidades difundiron o bulo de que interpoñer unha demanda paralizaba un proceso.

3ª resposta: agora non mudou nada. Fan agora o que tiñan que ter feito hai dous anos. Incluír a todo o persoal e poñer en marcha o grao II. E se non mudou nada terán que explicar por que tardaron 2 anos en recoñecer a universalidade da carreira e ano e pico en poñer en marcha o grao II.

E para rematar cóntannos que a súa iniciativa permite retomar a carreira “...sen necesidade de agardar (seguramente varios meses) aos pronunciamentos dos tribunais”.

Que buenas son las hermanas ursulinas!. O que non din é que esta extensión “ao resto de empregados” faise precisamente porque a CIG gañou varias sentenzas e que a propia Lei acompañamento dos Orzamentos que modifica a Lei de emprego público de Galiza ASÍ O RECOÑECE. Ao resto do persoal se lle vai aplicar a carreira PORQUE A CIG O GAÑOU NOS TRIBUNAIS. E ademais, cuñaos, se non tendes que agardar á pronunciamentos dos tribunais, por que non se puxo o grao II en marcha cando dicía o acordo?

Bulo tras bulo ata a derrota final, ocultando que son os verdadeiros culpábeis de que ninguén ata o de agora cobre o grao II e a metade do persoal non cobre o grao I.

Só falta que nolo conten entre vacas nunha macroganxa. Viva el vino!

No DOG do 15/02/2022 a EGAP publica a Resolución do 11 de febreiro de 2022 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e da Administración institucional.

Os cursos realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/ matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a cinco.

A Xunta leva á Mesa Xeral de Empregados Públicos do luns 14 de febreiro a negociación das RPT de varias consellerías para a funcionarización exprés do persoal

Función Pública sáltase os seus propios criterios e deseña unha RPT de funcionarización onde postos semellantes teñen diferentes níveis e complementos. Nin homoxeneiza nin harmoniza os postos equivalentes da mesma categoría e as mesmas funcións para que teñan igual salario coa escusa de que as RPTs son “dinámicas”.

As présas son malas compañeiras e a día de hoxe nin sequera temos claro que vaian a recoller os pluses recoñecidos no xulgado. A maior abastanza, pretenden publicar a RPT o 1 de marzo sen negociar nada máis, nen mover un pao. Unha vez máis enviaron a documentación para a Comisión de Persoal (16/02/2022) uns minutos antes da Mesa de negociación. Xa o teñen todo amañado cos socios de CCOO e UGT, que están encantadísimos.

Previo á funcionarización, a CIG reclama a negociación dun Acordo marco regulador que recolla os dereitos laborais de todo o persoal

A CIG non se vende, seguimos a loitar pola condicións salariais e laborais do persoal que se funcionariza. A Xunta resposta mencionando o Acordo de concertación, pero nin nese acordo nin no decreto de funcionarización atopamos ningunha referencia ao mantemento dos dereitos: terán que deixalo clariño para que cada centro directivo non faga o que lle pete co persoal afectado. A única forma é recollendo os dereitos laborais na LEPG ou mediante un Acordo marco regulador.

O mesmo día que se publicou no web de Función Pública a adxudicación definitiva de postos do concurso de traslados, saltou o ruxe-ruxe de que a adxudicación quedaba en suspenso polo erro de incluir na adxudicación a compañeiros e compañeiras xa xubilados aos que lles foron adxudicados postos no concurso.

Tras consultalo con Función Pública, o que se nos transmitiu é que habería “reaxustes”, pero non unha suspensión.

Voltamos preguntar por esta cuestión na Mesa Xeral do luns 14, solicitando que se asignen eses postos, Segundo o director xeral o número de postos afectados son poucos, entre 3 e 5, e se corrixirá a adxudicación antes da publicación no DOG (prevista para o venres 18).

Solicitamos tamén o listado de todos os postos do concurso que quedaron desertos e di que non o facilitará ata que se corrixan os erros da adxudicación.

Unha vez publicada a adxudicación de destinos no web de Función Pública, a publicación da correspondente resolución no DOG sería o seguinte venres día 18, segundo transmiten dende a Administración e consta no mencionado web.

Falta desvelar cando vai ser a toma de posesión, condicionada polos 82 postos ofertados que están ocupados por persoal laboral indefinido por sentenza. E sobre isto, temos algo que contar.

Despois de que o director xeral obviara este asunto, e só falase de simultanear a toma de posesión do concurso coa das persoas que están en destino provisional da anterior promoción interna, manexábamos tres opcións (na nova anterior)

  • Que as 80 prazas non foran adxudicadas a ninguén no concurso, e Función Pública ao ter estes datos decida non agardar pola resolución dos procesos selectivos ao non haber o perigo de ocupar eses postos por concurso antes que por proceso selectivo.
  • Que hipoteticamente si puideran ser adxudicadas pero Función Pública decidira retiralas do concurso de tapadillo, sen dar explicacións.
  • Que si haxa adxudicación dalgún deses postos no concurso, pero Función Pública decidira dalos igualmente, asumindo que o persoal que está neses postos poida ir ao xulgado e incluso gañar. Isto é, darlle unha patada para adiante ao problema e dentro dun tempo xa dirá a xustiza se hai que mover postos.

Con calquera destas opcións, as tomas de pose podían ser en dous ou tres meses ou menos. Se a alternativa era agardar polos procesos selectivos de acceso libre que están actualmente en execución, a cousa quedaría para setembro ou máis.

Unha vez que xa temos os datos das adxudicacións, puidemos cruzar prazas ofertadas e adxudicacións, e obtivemos os seguintes datos:

  • Das 82 prazas referidas, só foron adxudicadas 2 no concurso. As outras 80 non aparecen adxudicadas.

  • As 2 adxudicadas estaban ocupadas por persoas que xa se presentaron a un proceso selectivo e suspenderon, polo que as prazas poden ser adxudicadas no concurso.

E que pasa coas outras 80 que non foron adxudicadas? Das tres opcións que manexabamos xa queda despexada a terceira (eliminan a posibilidade da vía xudicial). Falta saber se é que non as pediu ninguén, ou se as retiraron para facilitar a resolución do concurso, como a CIG pediu fai máis dun ano.

Con este panorama, non hai motivos para pensar que a toma de posesión vai quedar para setembro. Non podemos dicir cando será, pero probablemente sexa antes do verán. Ata podería ser dentro dun mes.

Pero sexa cal sexa a opción que escolleron non fai falla agardar máis tempo. Só teñen que convocar para darlles o destino definitivo con prazas sobrantes do concurso ás persoas dos anteriores procesos de promoción interna e libre que están en destino provisional e facer a toma de posesión simultánea. E non habería que esperar a que se resolvan os actuais procesos que están en marcha de promoción interna e libre. A que esperan?

E que pasa pasa coas persoas xubiladas que obteñen praza no concurso?

Función Pública segue cubríndose de gloria. Detectamos varias persoas xubiladas ás que lles adxudican un posto no concurso. Esta broma pesada, máis que un erro puntual parece indicar que a base de datos coas adxudicacións do concurso estaba feita dende hai moitos meses, e que agora nin se molestaron en aplicar un filtro para eliminar ás persoas xubiladas.

Esiximos que antes de que saia a resolución no DOG se corrixa a adxudicación tendo en conta estes postos. Isto sería unha pequena mellora (máis postos de concurso) para moita xente que as pediu e ás que non llas adxudicaron.

A este respecto, feita a consulta con Función Pública asegúranos que non se paraliza o concurso (ruxe-ruxe que xa está moi estendido), pero si que se vai producir un “reaxuste”. Como se trata de engadir prazas, podería producir algún cambio, pero sempre por engadir persoas, non por excluílas.

A última sentenza do TSXG gañada pola CIG remata coa chantaxe ao que estaba sometido o persoal laboral fixo para cobrar a carreira profesional: xa non é necesario funcionarizarse.

A Xunta resposta atropeladamente á sentenza contra a Orde de confección de nóminas do 2019 enviando para aprobar a toda presa na mesa xeral a RPT das prazas a funcionarizar para apurar a toma de posesión e manter a chantaxe, a pesar de que non temos negociados os dereitos laborais.

Na CIG solicitamos unha xuntanza con Función Pública para executar a sentenza e que abra un novo prazo para poder solicitar a carreira a todo o persoal, fixo, interino e temporal.

No decreto de funcionarización non hai ningunha referencia aos dereitos laborais

A maior parte dos postos que se funcionarizan teñen condicións laborais específicas como o traballo a quendas, as noites, a penosidade ou traballo con cargas ou tóxicos. A Xunta con CCOO e UGT negáronse a regular as condicións laborais e nin sequera garanten os dereitos que temos hoxe.

E non paran de chegar queixas das categorías que xa foron funcionarizadas, a pesar de que nos dixeron que “ian quedar igual”: neste nadal non cobramos a paga extra como antes, obrigáronnos a estar no centro cando pecha a usuarios e nos impuxeron horarios. Que cristo van armar agora coa funcionarización do persoal bombeiro, ou de centros educativos ou de residencias?

O persoal que se funcionariza vai quedar sen convenio e a Xunta, CCOO e UGT negáronse a traspasar os dereitos á Lei de Emprego Público. Na CIG opoñémonos a unha funcionarización sen regulación das relacións laborais e esiximos á Xunta, previa a funcionarización, un Acordo regulador das condicións de traballo.

Que perdemos coa funcionarización si non trasladamos os dereitos do V Convenio?

1. A negociación de carteleiras (o que na práctica supón imposición horaria e de quendas), as compensacións e os límites de fines de semana e festivos, etc.
2. O dereito a roupa de traballo anual, material…
3. As superiores categorías
4. As adscricións reguladas
5. Os trienios de 31,88
6. Os pluses salariais e a reclamación de cantidades
7. A promoción interna do 50%
8. Acudir ao xulgado do social se tes problemas (sen custes e rápido)
9. A posibilidade de presentar un conflito colectivo
10. A xubilación parcial anticipada e o resto de dereitos ancorados ao contrato de traballo

No DOG do 09/02/2022 a EGAP publica a Resolución do 8 de febreiro de 2022 pola que se convocan as actividades de formación continua en materia de idiomas para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza, das entidades locais e persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).

A EGAP convoca 51 edicións e 2085 prazas en cursos de inglés, francés, alemán, portugués, italiano e lingua de signos.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización (día 23 de febreiro). As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a tres.

Debido á alta demanda dos cursos de idiomas na modalidade de teleformación, establécense as seguintes limitacións:

– Cada persoa só poderá solicitar un nivel por cada idioma ofertado na modalidade de teleformación.

– Non se poderá solicitar o mesmo nivel cursado na anterior convocatoria

Máis información.

Xa todo o mundo fala do venres 11 de febreiro como unha data clave do concurso de traslados de corpos xerais.. pero ainda hai moita confusión.

O propio director xeral de Función Pública referiuse a ese día 11 como a data en que se vai publicar a adxudicación definitiva das prazas no web de Función Pública, e que unha ou dúas semanas despois publicarían no DOG a correspondente Resolución. 

A toma de posesión en diferido

A toma de posesión segue a ser un misterio. Ao puro estilo PP, será en diferido? Moita xente fala de maio (cando se cumpren os 6 meses da ampliación de prazo para a resolución do concurso). Pero na CIG ata o poñémos en dúbida, pois temos o problema non resolto das algo máis de 80 prazas de persoal funcionario ocupadas por persoal laboral indefinido non fixo por sentenza, e que por lei calquera destas persoas poden tumbar o concurso xudicialmente se lles collen o posto antes de que se resolva o proceso selectivo que está actualmente en execución.

O director xeral non foi claro na súa información de cando sería a toma de posesión: non dá prazos nin motivos. O que manifesta é que a resolución do concurso coincidirá no tempo coa toma de posesión definitiva das persoas da anterior promoción interna e libre que actualmente están en destino provisional. Pero nada comenta dos procesos que están en execución, tanto de promoción interna como de libre, e que afecta a esas 80 prazas de persoal indefinido non fixo que poden tumbar o concurso.

Por tanto, xúrdenos dúbidas de por que non fai mención a isto último, e as posibilidade son moitas:

  • Que as 80 prazas non foran adxudicadas a ninguén no concurso, e Función Pública ao ter estes datos decida non agardar pola resolución dos procesos selectivos ao non haber o perigo de ocupar eses postos por concurrso antes que por proceso selectivo.

  • Que si haxa adxudicación dalgún deses postos no concurso, pero Función Pública decidira dalos igualmente, asumindo que o persoal que está neses postos poida ir ao xulgado e incluso gañar. Esto é, darlle unha patada para adiante ao problema e dentro dun tempo xa dirá a xustiza se hai que mover postos.

  • Que hipoteticamente si puideran ser adxudicadas pero Función Pública decidira retiralas do concurso de tapadillo, sen dar explicacións. 

Fai máis dun ano que a CIG ofreceu ao director xeral a solución de retirar eses 80 postos do concurso e ofertalos no seguinte. Abertamente, non de tapadillo. Se tivera feito así, o concurso podía estar resolto fai moitisimo tempo.

Con este escenario, alguén se atreve a falar de maio para a toma de posesión?

Pao xudicial á Xunta polas prórrogas non motivadas das comisións de servizo. A CIG denunciou no 2019 a prórroga non motivada de 347 comisións de servizos por falta de xustificación da sua prórroga, algunha dende o ano 2010. 

A mala xestión das persoas responsábeis da Dirección Xeral de Función Pública cos concursos de traslados fixo que a comisión de servizo fose para moitas compañeiras e compañeiros a única opción de mobilidade ou, incluso, de ter algo de carreira administrativa. Para máis, a súa concesión opaca e sen criterios obxectivos de selección asenta na administración xeral un sistema caciquil e vergoñento de provisión de postos. A Xunta non dá datos de quen solicita a comisión, non motiva a decisión da persoa seleccionada, nin o tempo, ou os motivos da prórroga. 

Por iso a CIG, logo de recompilar unha a unha máis de 347 comisións de servizo de longuísima duración, algunhas de máis de 10 anos e por tanto que se pasaban do prazo legal, e que nin sequera se ofertaron en concursos de traslados, denunciámolas ao tempo que seguimos a reclamar un sistema de provisión de postos áxil e transparente pos as comisións deberan ser algo puntual xa que a fórmula ordinaria debera ser o concurso de traslados (permanente ou anual). E para que as comisións non sexan “a dedo” necesitamos un decreto de provisión que as regule de forma clara e con baremo. 

O fallo do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Compostela, obrígalle a Xunta a respostar en 30 días á solicitude da CIG, polo que deben xustificar todas e cada unha das prórrogas de comisións de servizos que se pasaban de dous anos no 2019. Se a Xunta non motiva adecuadamente a súa excepcionalidade (e vai telo difícil), a CIG esixirá responsabilidades.

Na CIG vemos positiva esta sentenza  que supón un chanzo máis na loita contra a nefasta política de persoal da Xunta, mostra de que non vale o nepotismo instaurado por Función Pública e imos facendo camiño para que o persoal empregado público teñamos dereito a acceder en igualdade de condicións a unha praza en comisión de servizos.

Outras novas recentes

Mércores, 27 Marzo 2024

Concursos de traslados de consumo, axentes ambientais e gardacostas: admitidos/as-excluidos/as provisional

Dende a Dirección Xeral de Función Pública comunítanos que o vindeiro día 5 de abril publicarán en DOG as resolucións polas que se aproban as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas dos concursos para a provisión de postos de traballo vacantes de: Escala de axentes de inspección, especialidade de consumo. Escala de axentes facultativos ambientais e axentes...
Venres, 22 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Agrupación profesional-Subalterno (22/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega un listado de prazas que ofertará para a elección de destino do proceso selectivo da agrupación profesional - subalterno. A localidade dos postos pode verse no código que vai nas posicións 11 a 15 do código (XX.XXX.XX.XXX.XXXXX.XXX) No mesmo arquivo que poñemos a túa disposición para descargar, vai tamén a RPT íntegra con todos os...
Xoves, 21 Marzo 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención...