Novas por contido

Tras numerosas xuntanzas con Función Pública, a Comisión de Persoal do día 24 aprobou: o proceso selectivo á categoría de ordenanza para persoas con discapacidade intelectual; a oferta de emprego para o 2016; un acordo de suspensión do artigo 9.4 do convenio colectivo; as novas instrucións de vacacións, permisos e licenzas; o temario para o proceso selectivo de veterinarios/as; e os criterios de excepcionalidade para definir que postos iguais ou inferiores ao nivel 28 serán de libre designación. Hai tamén información varia que podería ser do teu interese.

Proceso selectivo á categoría de ordenanza para persoas con discapacidade intelectual

Proxecto de Orde pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso na categoría 003 (ordenanza e outras) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, en prazas reservadas para ser cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual. Aprobada coa abstención de CIG e CSIF, o voto en contra de CCOO e o voto a favor de UGT.

A CIG acepta a integración na Administración das persoas con discapacidade, pero non podemos apoiar activamente o proxecto de Orde, en grandes liñas, porque:

  • Non se respeta o artigo 9 do convenio ao non ofrecer o 50% para promoción interna.
  • Rexeitamos a concentración de oferta a este colectivo nunha única categoría profesional. Esto entra en conflito cos intereses das persoas que por non ter formación esta é unha das poucas categorías ás que se poden presentar. Tamén entra en conflito cos intereses dos ordenanzas que verán reducidas as súas posibilidades de concurso nunha categoría na que xa hai poucas prazas.
  • Pedimos unha revisión das prazas de ordenanza na RPT.
  • Queremos un catálogo de prazas a ofertarlles, porque hai centros nos que sería moi dificil que puidesen traballar.

Temario para oposicións á escala de veterinarios.

Proxecto de Orde pola que se aproba o temario que rexerá no proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de veterinarios. Aprobado co voto en contra das catro OOSS.

Instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas

Resolución da Dirección Xeral de Función Pública, pola que se ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas. Queda aprobada co voto en contra da CIG e a abstención de CCOO, UGT e CSIF.

Función Pública finalmente aceptou a solicitude da CIG de engadir no ámbito de aplicación ao persoal funcionario que presta servizos no SERGAS. Deste xeito, xa non se lles aplicará o "Acordo de concertación social" asinado entre Sanidade e os sindicatos do persoal estatutariio no ano 2001.

Porén, non aceptaron algunhas das demandas principais da CIG, polo que votamos en contra.

No prazo de súa semanas crearase unha comisión de seguimento da que formarán parte as catro OOSS para velar pola aplicación, o desenvolvemento e a resolución dos problemas que poidan xurdir na aplicación destas instrucións, no seu caso tamén poderá propor no futuro modificacións da mesma. Nesta comisión de seguimento participarán Función Pública e as consellerías de Medio Rural e Política Social, sen prexuizo de que asista calquera outra consellería.

Criterios para a cobertura de postos mediante libre designación

Orde pola que se ditan instrucións para a tramitación de relacións de postos de traballo e a determinación dos criterios de excepcionalidade e función que definen as características que motivan a especial responsabilidade ou cualificación profesional dos postos de traballo de libre designación, de nivel 28 ou inferior, da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Aprobada co voto en contra da CIG e a abstención de CCOO, UGT e CSIF.

Estamos en contra da capacidade discrecional que se converte en arbitraria dos responsábeis políticos da administración para cubrir postos, para mudarlles as características, para fixarlles requisitos, adaptándoos aos intereses persoais. Defendemos unha administración obxectiva, independente, polo que por defecto queremos que os postos iguais ou inferiores a xefatura de servizo sexan de concurso ordinario. Nese caso estaremos dispostos a discutir criterios de excepcionalidade. Rexeitamos esta Orde que divide a este persoal entre libre designación e concurso específico (que ven sendo unha LD encuberta). Por extensión, demostran que dubidan da capacidade e responsabilidade do persoal.

Oferta de Emprego Público-2016

Aprobado co voto en contra das catro organizacións sindicais o Decreto polo que se aproba a OEP correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración Xeral de Galiza para o ano 2016.

Aprobado tamén un acordo da Administración cos sindicatos (co voto favorable de CCOO, UGT e CSIF, e co voto en contra da CIG), que suspende no ano 2016 a acumulación das prazas que non se ocupen de promoción interna á oferta libre, pactado no artigo 9.4 do Convenio Colectivo.

Rogos e preguntas

Concurso de traslados do CIXTEC: o xoves 25 van ter unha xuntanza co CIXTEC e para a semana dirannos algo ao respecto.

Servizo de alerta epidemiolóxica de Galiza: sen novidades, estano a falar Orzamentos e a Consellería.

Temarios EGAP: están con iso. Na semana que ven dirán algo. Diante da pregunta de quen está elaborando os temarios, remítenos a preguntar na EGAP.

Os temarios dos que se encargou FP están sendo redactados por profesores de universidade, en canto aos temarios da OEP de discapacidade intelectual, adaptaron os do Estado e estanse redactando por persoal da DXFP.

Temarios específicos dos procesos selectivos da OEP 2016: o director di que esas peticións deben trasladarse tamén directamente á EGAP.

Temario de veterinarios: Na semana que ven dirán algo.

Problemática equipas psico-sociais Imelga en Vigo: hai unha petición de aumento de persoal e están traballando niso.

Decreto de listas: haberá xuntanza na semana que ven.

Exames de corpos xerais (PI e acceso libre): preguntamos polo ruxe ruxe que circula entre os traballadores e difundido tamén por unha academia de oposicións de que os exames se ían adiar ao mes de setembro. O director desminte esa información e reafírmase en que os exames de PI van ser en maio e os de acceso libre serán, máis ou menos, sobre un mes despois.

Puntuación provisional de méritos do concurso de traslados de corpos xerais: teñen problemas coa aplicación informática de baremación dos cursos. Din que a ver se pode saír na semana que ven.

Paga extra 2013: non teñen considerado nada ao respecto do aboamento da parte devengada.

OEP 2014, escala de consumo: non se convocarán este ano.

Adaptación á LOFAXGA de Agader e Ingacal: van ter mañá unha xuntanza con Medio Rural para falar diso.

IGE e Instituto de Consumo: o tema da adaptación á LOFAXGA destes organismos está máis avanzado.

Instrucións tribunais oposicións: xuntanza para a semana que ven.

RPT Agadic: nas próximas semanas haberá unha xuntanza previa á Mesa Xeral e no prazo máximo dun mes, o director di que ten que quedar pechada.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.