No DOG Núm. 139 do martes 23 de xullo de 2019 ven de publicarse a resolución do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, na categoría 001 (camareiro/a-limpador/a/axudante/a cociña) do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (Diario Oficial de Galicia número 47, do 7 de marzo), pola que se fai pública a hora, a data e o lugar de realización do segundo exercicio da fase de oposición.

Están convocadas para a realización do segundo exercicio da fase de oposición as persoas aspirantes que, de acordo ao establecido nas bases da convocatoria, non acreditaron estar en posesión do Celga 2 ou equivalente debidamente homologado.

Este segundo exercicio da fase de oposición terá lugar na aula 2 da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid, 2, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña) o día 30 de xullo de 2019 en chamamento único ás 17.00 horas.

O exercicio consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de trinta (30) preguntas tipo test con catro (4) respostas alternativas, máis tres (3) preguntas de reserva, mediante o cal se evidencie o coñecemento da lingua galega. O exercicio terá unha duración de corenta (40) minutos.