No DOG Núm. 179 Venres, 20 de setembro de 2019 publícase RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2019 pola que se convoca, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, a I Xornada de formación práctica dixital (E-martes).

O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, a autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.

Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes, que terán lugar os primeiros martes de cada mes, teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.

Os E-martes do vindeiro trimestre de 2019 versarán sobre as seguintes materias:

– 1 de outubro: «O Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia».

– 5 de novembro: «Certificados electrónicos da Xunta de Galicia».

– 3 de decembro: «Sistemas para a contratación pública».

A actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais, así como a profesionais e persoas interesadas en xeral. No caso das empregadas e empregados públicos priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.

A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación. O prazo para a inscrición nesta actividade abrirase desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e estará aberto ata as 23.55 horas do día 25 de setembro de 2019

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: 1 de outubro.

Horario: mañá e tarde.

Duración: 6 horas lectivas.

Número de prazas: 50.