Publicada no DOG Núm. 179 Venres, 20 de setembro de 2019, RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2019 pola que se convoca un curso sobre a intervención do Consello Consultivo de Galicia na nova Lei de contratos do sector público.

Poderán participar nas accións formativas convocadas nesta resolución os/as empregados/as públicos/as do sector público autonómico de Galicia con responsabilidades en materia de contratación pública da Xunta de Galicia, entidades locais, universidades e Administración institucional dependente das anteriores que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade ou paternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.