Publicada no DOG Núm. 182 Mércores, 25 de setembro de 2019, RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2019 pola que se convoca o Curso superior sobre dereito de patentes.

O curso ofrecerá coñecementos específicos sobre a protección das invencións a través do dereito de patentes e dos modelos de utilidade. En particular, expoñerase a normativa aplicable ás patentes e a natureza propia deste tipo de dereitos.

Paralelamente, o curso permitirá coñecer cales son os instrumentos xurídicos para defender un dereito de patente e identificar as actividades que poden prohibirse no exercicio deste dereito. Así mesmo, o curso mostrará os mecanismos xurídicos existentes para determinar quen é o lexítimo titular dunha patente e, de ser o caso, en que circunstancias pode cederse ou licenciarse o seu uso a terceiros, especialmente cando a titular ou a destinataria da cesión da patente é a Administración.

Dirixido a persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administración públicas de Galicia, tanto autonómica, como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia e das universidades do Sistema universitario de Galicia que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 ou A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I ou II do persoal laboral.

No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán cubrirse por profesionais que estean en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación da convocatoria do curso no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 1 de outubro de 2019.