No DOG do 13/08/2021 convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas de Galiza.

As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na secretaría da escola oficial de idiomas correspondente unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o día 1 ata o 10 de setembro de 2021, para os cursos do primeiro cuadrimestre (outubro-xaneiro), e desde o 4 ata o 14 de xaneiro de 2022, para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).

Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega.

Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos aos empregados/as públicos/as da Administración autonómica, da Administración local e da Administración periférica do Estado na Comunidade Autónoma de Galiza, exceptuando o persoal docente da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade e o persoal sanitario, non entendendo por tales os empregados públicos da escala de saúde pública e administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galiza.