No DOG do 10/11/2023 publican a RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2023 pola que se publica o Protocolo da Xunta de Galiza de actuación fronte ao acoso e as violencias sexuais e psicolóxicas no traballo.

Este protocolo ten por obxecto establecer as normas da actuación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e das entidades instrumentais do sector público autonómico fronte a calquera tipo de violencia manifestada mediante o acoso sexual, o acoso por razón de sexo, o acoso por razón de orientación sexual, identidade sexual, identidade de xénero e expresión de xénero, e calquera acto de natureza sexual non consentido ou que condicione o libre desenvolvemento da vida sexual se ten lugar como consecuencia ou con ocasión da prestación de servizos; e a violencia psicolóxica exercida polo acoso discriminatorio, o acoso moral ou psicolóxico e as condutas de violencia psicolóxica no traballo, na fase preliminar de investigación e avaliación dos feitos, co fin de determinar se existe fundamento para iniciar o procedemento para a adopción das medidas disciplinarias ou doutro tipo que resulten oportunas, ou dar traslado ao Ministerio Fiscal.

Están comprendidos no ámbito subxectivo de aplicación deste protocolo as persoas empregadas na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e nas entidades instrumentais do sector público autonómico sinaladas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza.