No DOG do 29/12/2023 publican a RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Política Social e Xuventude, pola que se publica o Acordo sobre as condicións de traballo do persoal dos centros de xestión propia da Consellaría de Política Social e Xuventude, asinado o 5 de decembro de 2023 entre a Administración pública e as organizacións sindicais.

Este acordo aplícaselle a todo o persoal funcionario e laboral da Xunta de Galiza que preste os seus servizos en réxime de quendas na rede de centros de xestión propia da Consellaría de Política Social e Xuventude e no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Con carácter xeral, a xornada de traballo habitual establécese en quendas de 7-7-10 horas, en horarios de mañá de 8.00 a 15.00 horas, de tarde de 15.00 a 22.00 horas, e de noite de 22.00 a 8.00 horas.

Por cada noite traballada de 22 horas a 8 horas aplicarase unha redución de tres horas de xornada, agás o establecido na disposición transitoria primeira.

Garántese que entre a finalización dunha xornada e o comezo da seguinte mediarán, como mínimo, doce horas. Todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste acordo terá dereito a un descanso mínimo semanal de dous días ininterrompidos dentro dos cales estarán incluídas as 12 horas de descanso obrigatorio entre xornadas. Non obstante, no proceso de elaboración das carteleiras anuais procurarase acadar un período ininterrompido de descanso maior.

Todo o persoal incluído no ámbito de aplicación do presente acordo gozará como descanso os días 24 e 31 de decembro. Se por necesidades do servizo non se puidesen gozar eses días, facilitarase un descanso equivalente durante o mesmo ano natural ou no inmediatamente seguinte.

Con carácter xeral garántese que o descanso semanal coincidirá efectivamente en sábado e domingo nunha proporción dun de cada dous como mínimo (50 por cento).