O Tribunal Supremo notificounos a sentenza que desestima o recurso de casación interposto pola Xunta de Galiza e que converte en firme a sentenza gañada pola CIG e outros sindicatos, que recoñece parte do conflito colectivo que interpuxemos contra a Axencia Galega de Innovación e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, da Xunta de Galiza.

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recoñece unha parte da demanda de conflito colectivo. Foi ratificada polo Tribunal Supremo e resolve que non procede aplicar a redución da parte da paga extra devengada entre o día 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2013.

A vía utilizada de conflito colectivo afecta ao persoal laboral da extinta Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, agora integrados na Axencia Galega de Innovación e na Dirección Xeral de Enerxía e Minas. Para persoal funcionario a vía utilizada é outra, e van xa outras catro sentenzas gañadas pola CIG.

Respecto da extra do 2012, foron tantas as sentenzas que, paseniño, fomos gañando, que finalmente a Administración caiu da burra e acabou pagando a débeda a todo o persoal. Agardamos que no 2013, se non o fan polas boas, caian tamén da burra.