En aplicación da Lei de Transparencia e Bo Goberno, a Xunta de Galiza ven de crear na súa web o Portal da transparencia e goberno aberto. Nun tema tan importante como é a transparencia no sector público, o rigor e a seriedade no tratamento dos datos resulta fundamental. No camiño de acadar a máxima transparencia o que non cabe é a manipulación e a información sesgada no tratamento dos datos.

Neste senso, no apartado Actividade Sindical do citado portal, a información facilitada referente aos costes económicos que, segundo a administración, orixinan os liberados e liberadas sindicais é un burdo exemplo de manipulación malintencionada dos datos. Estase a transmitir unha idea errónea de que a actividade sindical supón un coste extra para a administración, cando é algo rotundamente falso.

Na administración galega ningún delegado/a sindical cobra por exercer funcións sindicais. O salario que percibe cada un deles/as é o salario que lles corresponde polo seu traballo como empregados públicos. Nin máis nin menos. Non existe incremento de gasto ningún. En aras dunha transparencia real e efectiva, a administración galega ten a obriga legal de dar unha información clara, concisa e real.

Do contrario, o que está a facer é contribuir á criminalización da actividade sindical, poñendo aos delegados/as sindicais e aos propios sindicatos no punto de mira da opinión pública.

Dende a CIG esixímoslle á administración galega o máximo rigor e seriedade en aras de ofrecer unha transparencia real e verdadeira.

O artigo 10.C da citada Lei de Transparencia di literalmente:

c) Os permisos para a realización de funcións sindicais, liberados e liberadas sindicais tanto de carácter institucional como as dispensas sindicais, distribuídos segundo relación nominal de persoas e organizacións sindicais ás que están vinculados, así como todos os custes que estas orixinan.
Crédito horario total que ten cada organización sindical e a súa distribución segundo relación nominal de persoas, así como todos os custes que estas orixinan.

O 8 de febreiro de 2013 a Administración asinou un acordo de dereitos sindicais coas organizacións sindicais. Para un ámbito de case 90.000 empregados públicos e co fin de levar adiante a obriga de representación e negociación que impón o Estatuto básico do empregado público, a lei de función pública, e agora a Lei do emprego público de Galiza, a Administración e as Organizacións sindicais acordan un total de 150 dispensas sindicais asociadas aos titulares de mesas de negociación en todos os ámbitos (Administración Xeral, SERGAS, Ensino e Xustiza).

  • MESA XERAL DE EMPREGADOS PUBLICOS  -  15
  • MESA XERAL DE FUNCIONARIOS  -  15
  • MESA SECTORIAL DE FUNCIONARIOS  -  15
  • MESA SECTORIAL DO SERGAS  -  15
  • MESA SECTORIAL DE XUSTIZA  -  10
  • MESA SECTORIAL DE DOCENTES  -  15
  • COMISION DE PERSOAL  -  4
  • COMITE INTERCENTROS PERSOAL LABORAL  -  13
  • MESA SERGAS  -  24
  • DISPENSAS PARTICIPACION  -  24
  • TOTAL  -  150

E dicir unha rateo de 1 liberado por cada 600 empregados públicos. Polo tanto hai 150 liberados e 692 delegados sindicais con horas, tal e como marca a Lei orgánica de liberdade sindical e o estatuto dos traballadores.

Sobre o custe deste persoal dicir que é cero, porque esteamos en funcións sindicais ou non a Xunta nos ten que pagar o noso salario e aparece nos Orzamentos Xerais. O único custe sería a substitución das persoas liberadas, pero isto non se fai.

Da nova publicada por nós hai 3 anos, ISTO SI QUE É TRANSPARENCIA, onde poñemos os datos dos 11 liberados institucionais da CIG-Autonómica, só 3 teñen substituto: ler a nova.

A Xunta o que non fai nin quere facer e poñer a relación de persoas coas horas da que dispoñen. No seu lugar, mete a todos e todas as delegadas e delegados no lote de liberado/a a tempo completo independentemente do crédito horario dispoñíbel a cada un (10 horas, 20, 30 ..). Tampouco quere a Xunta poñer o custe por cada delegado facendo unha falsa estimación.

Concluíndo:

  • Na Xunta para un ámbito de 90.000 empregados hai 150 liberados institucionais e 692 delegados sindicais.
  • O custo da substitución deste persoal a Xunta non o quere reflectir e nós estimamos que non é nin a décima parte do que aparece reflectido.
  • Por outra banda, nós somos partidarios de que aparezan todos os datos dos representantes sindicais, delegados e liberados, co posto de traballo, as horas sindicais que teñen, e os salarios, así como quen está substituído e non.