O sábado 26 de marzo de 2016 houbo unha inundación no Servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social de Ourense, sito en R/ Sáenz Díez, 39 baixo.

Unha rotura dun cano de augas residuais do edificio enchoupou  despachos, un almacén e unha sala de espera manchando paredes, mobiliario, teléfonos, equipos informáticos, expedientes  e o sistema de calefacción por aire.

O cheiro é insoportable nada máis entrar ás dependencias e os restos de sucidade son visibles en paredes e fiestras interiores.  Ademais, cando se pon en marcha o sistema de calefacción por aire o cheiro increméntase.

A día de hoxe, xoves 31 de marzo, só realizaron unha reparación provisional do cano, e o servizo de limpeza do centro acometeu unha primeira limpeza cos medios dos que dispoñen,  sendo necesaria unha limpeza e desinfección exhaustiva de restos de sucidade e bacterias.

Desde a Xefatura Territorial de Política Social en Ourense comunícannos que non limparán e desinfectarán definitivamente ata que a avaría sexa reparada.

Recibimos queixas dos traballadores pola falta de salubridade, limpeza e  hixiene nas zonas afectadas.

A este centro asisten familias, crianzas e embarazadas para realizar distintas xestións, que están facendo uso das zonas e  a sala de espera afectadas.

Dende a CIG denunciamos que se está expondo a un risco sanitario a traballadores e administrados. Entendemos  que a actuación axeitada neste caso sería o traslado dos traballadores afectados e a atención ao público a unha localización temporal mentres non se proceda a desinfección adecuada do recinto.